Solapas principales

Últimos días para presentar textos inéditos ao XX Certame Literario de Ames

Miércoles, 05 de abril de 2023

Dende a Concellaría de Normalización Lingüística lémbrase que está aberto o prazo para participar na vixésima edición do Certame Literario de Ames, ao que as creadoras e creadores poden presentar os seus textos inéditos de narrativa e poesía en lingua galega. As candidaturas poderán remitirse ata o mércores 12 de abril. As bases ao completo do certame poden consultarse premendo nesta ligazón. Descarga aquí a ficha de participación no XX Certame Literario de Ames.

O Certame Literario de Ames chegou as dúas décadas de lonxevidade como unha das iniciativas culturais máis consolidadas no concello. O concurso serviu como plataforma de despegue de numerosas escritoras e escritores, que recibiron un impulso inicial gañando este certame, mesmo en repetidas ocasións. Un ano máis o obxectivo volve ser a promoción da creación literaria en lingua galega, vista como un xeito de reforzar o proceso de normalización lingüística.

O certame ten dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas componse á vez de tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. As nenas e nenos de ata 13 anos poden concursar na primeira categoría; a segunda está dirixida á rapazada de entre 14 e 17, mentres que a terceira está dirixida ás persoas de 18 anos ou máis. Outórganse tres premios, en metálico, por cada unha destas franxas de idade en ambas as dúas modalidades e, ademais, editarase un libro colectivo con todos os textos premiados.

A decisión do xurado, conformado por tres persoas recoñecidas no ámbito literario, anunciarase publicamente o 5 de xuño, e os premios entregaranse o 9 de xuño, nun acto que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Convocatoria aberta ata o mércores 12 de abril
O prazo para enviar os textos, inéditos e en galego, remata o mércores 12 de abril. Os/as participantes mandarán catro exemplares do texto, escritos a dobre espazo e con tamaño de letra 12. Na modalidade de narrativa, a extensión mínima será de 2 páxinas e a máxima será de 6. Na modalidade de poesía a extensión mínima será de 20 versos e a máxima será de 50. Cada persoa poderá presentar, como máximo, un traballo en cada unha das modalidades.

É requisito que as obras se presenten baixo pseudónimo e que nos textos non aparezan datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora.

Os datos persoais irán incluídos nun sobre pechado. Terán que constar: nome e apelidos, idade, copia do DNI, teléfono de contacto, enderezo postal e electrónico e declaración responsable de non estar incurso/a en supostos que impidan obter a condición de beneficiario/a e de atoparse ao corrente nas obrigas tributarias e coa seguridade social.

As persoas menores de idade deben achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre pechado cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deberá figurar tamén a modalidade, a categoría e o pseudónimo.

O enderezo ao que se deben remitir os textos é o seguinte: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

Premios
Para cada modalidade e categoría establécense tres premios en metálico. Para os/as participantes menores de 13 anos, o primeiro premio será de 200 euros, o segundo de 170 e o terceiro de 140. Para os/as participantes de entre 14 e 17 anos o primeiro premio está dotado con 230 euros, o segundo con 200 e o terceiro con 170. Por último, na categoría absoluta o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 260 e o terceiro de 230.

Ademais, como é habitual, o Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando os autores ou autoras con cinco exemplares do volume que se edite. Para esta publicación, as persoas gañadoras do certame deberán entregar os textos en formato dixital. Se o autor ou autora publica pola súa conta algún dos textos gañadores, deberá facer referencia ao premio obtido neste certame.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Prazo para o Certame Literario de Ames ata o vindeiro mércores 12"

Últimos días para presentar textos inéditos ao XX Certame Literario de Ames

Multimedia

  • Cartaz do XX Certame Literario de Ames