Solapas principales

Últimos días para solicitar as axudas a familias numerosas de Ames

Miércoles, 03 de julio de 2024

O Concello de Ames destina 100.000 euros para axudar ás familias numerosas do municipio, que poderán chegar a recibir ata 1.200 euros por unidade de convivencia familiar. O 15 de xullo será a data límite para poder realizar o trámite a través do Rexistro telemático da sede electrónica do Concello de Ames, xestión que tamén se poderá realizar de forma presencial nas oficinas municipais do Milladoiro ou nas da Casa do Concello.

Ata o luns 15 de xullo está aberta a convocatoria de axudas ás familias numerosas de Ames, cuxa contía ascende neste exercicio aos 100.000 euros, destinados ao apoio económico destas unidades familiares, á fixación de poboación e á continuidade do crecemento demográfico do concello. Neste senso, poden optar a estas subvencións as familias que teñan fixada a súa residencia habitual en Ames, con polo menos un ano de antigüidade ininterrompido, e que cumpran cos criterios de familia numerosa da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ou doutros organismos similares doutras comunidades autónomas.

O importe individual das subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria será de 1.200 euros por unidade de convivencia, agás as familias acolledoras en réxime de acollemento temporal que percibirán a contía proporcional equivalente ao tempo de duración do acollemento. No caso de que as solicitudes concedidas en aplicación dos criterios previstos nas presentes bases superen o orzamento dispoñible no orzamento municipal para a presente convocatoria, o órgano xestor procederá á redución proporcional do importe individual da axuda ata alcanzar o importe máximo previsto.

Poderán optar a estas subvencións as unidades de convivencia que teñan fixada a súa residencia habitual no Concello de Ames que cumpran tanto os requisitos xerais como os específicos desta convocatoria.

Unidade de convivencia aos efectos desta convocatoria
Entenderase por unidade de convivencia o conxunto de persoas que convivan no mesmo marco físico e se atopen vinculadas coa persoa solicitante por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga á conxugal, por nacemento, adopción ou acollemento.

Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio dos proxenitores, a persoa beneficiaria da prestación será o pai/nai que teña a custodia dos fillos/as, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación, divorcio ou modificación de medidas. Os fillas/as deben formar parte da mesma unidade de convivencia que o proxenitor que teña a custodia, xustificándoo mediante o certificado de convivencia.

En caso de custodia compartida concederase unha única subvención ao proxenitor que a solicitase. No suposto de que ambos proxenitores tramitaran a solicitude por separado resolverase por orde de entrada da solicitude no Rexistro, inadmitíndose a trámite por este motivo a última solicitude. En ningún caso poderán ser beneficiarios/as os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos/as, ou se a curatela fora asumida por unha institución pública.

Requisitos referidos á renda e ao patrimonio
As persoas solicitantes están obrigadas a presentar declaración do IRPF do exercicio 2023. As unidades de convivencia solicitantes non deberán superar os 14.108,01€ anuais, no caso de teren 3 fillos; os 16.734,20€ no caso de teren 4; os 18.990,57€ de teren 5; os 21.168,97€ de teren 6; os 23.227,84€ de teren 7; e os 25.274,65€ de teren 8. As familias con máis de 8 fillas ou fillos non deberán superar os 1.803,73€ adicionais por membro.

No referente aos requisitos referidos ao patrimonio, este debe estar valorado en menos de 36.636,52 €, no caso de teren 3 fillos; en menos de 44.777,96€ no caso de teren 4; en menos 52.919,41€ de teren 5; en menos de 61.060,86€ de teren 6; en menos de 69.202,31€ de teren 7; e en menos de 77.343,76€ de teren 8. As unidades de convivencia con máis de 8 fillas ou fillos non deberán superar os 8.141,45€ por cada membro adicional.

Residencia habitual no concello de Ames
A unidade de convivencia deberá ter fixada a súa residencia habitual no concello de Ames cun mínimo dun ano de antigüidade ininterrompido á data de formulación da solicitude. A antigüidade esixirase a todas aquelas persoas que figuren no título de familia numerosa. No caso de que un dos proxenitores se atope traballando fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e non figure empadroado neste municipio, deberá acreditalo con copia do correspondente contrato de traballo e calquera outro documento que acredite a residencia efectiva (contrato de alugueiro, etc). No caso de familias monoparentais só se requirirá que figure empadroado cun ano de antigüidade o pai ou a nai que teña a custodia dos fillos/as. No caso dos menores que teñan curador/a , requirirase que figure empadroado/a no padrón municipal o curador/a do menor.

Título de familia numerosa
Deberase estar en posesión do título de familia numerosa en vigor no momento da solicitude. Os/as fillos/as que dean lugar á expedición do título de familia numero deberán ter nacido con anterioridade ou dentro do ano 2023. Todos os fillos/as incluídos no título de familia numerosa deberán formar parte da unidade de convivencia. No caso de que un mesmo menor dea lugar á expedición de dous títulos de familia numerosa, só se concederá esta axuda ao proxenitor que ostente a custodia deste menor ou menores.

Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse ata o 15 de xullo a través da sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro situadas na Casa do Concello e na oficina municipal do Milladoiro. Tamén se poden presentar as solicitudes a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

>>ACCEDE AO TRÁMITE PREMENDO NESTA LIGAZÓN.

Últimos días para solicitar as axudas a familias numerosas de Ames