- Tematica
Un grupo de 30 persoas, 27 alumnos/as e 3 profesores/as, do IES Xulián Magariños, de Negreira, visitaron esta mañá as instalacións do espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, para coñecer a experiencia laboral de varios/as coworkers. Parte do alumnado está cursando o primeiro curso do ciclo medio de Técnico en Sistemas Microinformáticos e Redes, mentres que outra parte cursa o primeiro curso do ciclo medio de Administración de Sistemas Informáticos en Rede.
As instalacións do espazo colaborativo A Proa acolleron esta mañá a visita dun numeroso grupo de alumnos e alumnas do IES Xulián Magariños de Negreira, onde cursan algúns deles/as o primeiro curso do ciclo medio de Técnico en Sistemas Microinformáticos e Redes, mentres que outros/as están cursando o primeiro curso do ciclo medio de Administración de Sistemas Informáticos en Rede. O alumando estivo acompañado de tres docentes deste centro educativo.
Foron recibidos polo alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz, e maila concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto. O alcalde díxolles que "é moi importante proporcionar espazos de traballo ás persoas con ideas novas, con iniciativa, para teñan un lugar onde desenvolverse e que permita fomentar as sinerxías e colaboración entre os sectores económicos e os axentes sociais".
A concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz, destacou "este coworking está aberto a calquera proxecto, e para nós sería un orgullo que, unha vez finalizados os vosos ciclos, quixerades solicitar un posto neste espazo para medrar e desenvolvervos profesionalmente". Tamén lles explicou o funcionamento do espazo, e animou ao alumnado a presentar os seus proxectos para solicitar un posto nel. Por último, sinalou que "esta visita naceu na feira das profesións celebrada o pasado mes de abril", unha cuestión que a concelleira destacou "como imprescindible para a creación de sinerxías entre o tecido educativo e o empresarial".
Por outra banda, a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, agradeceu o interese do alumnado por asistir, e a colaboración do centro e do profesorado. "Non dubidedes en empregar este espazo e os seus recursos para darlle forma ás vosas ideas e proxectos da man dos profesionais que traballan en A Proa".
Experiencia dos/as coworkers
Trala intervención do alcalde e concelleiras, deuse paso a varios/as coworkers, que lles contaron ao alumnado a súa experiencia laboral e que traballo realizan no espazo colaborativo A Proa. O primeiro en intervir foi Marcos Estévez, enxeñeiro forestal e consultor en bioeconomía, da empresa Amonte, que realiza traballos de de xestión agroforestal para persoas.
A continuación interviu Rosa Taboada, de Martela Films, que vai a desenvolver un dos proxectos seleccionados do Ames AV LAB. “As labregas”, dirixa por Rosa Taboada, é unha serie de ficción baseada en feitos reais que conta a historia dunha muller urbanita que chega ao concello de Ames, onde atopa unha serie de cartas que a levan a descubrir a historia das mulleres da súa familia.
Tamén interviron Álvaro Liste e Noelia Papín de Serea Films. Esta produtora audiovisual con sede na localidade do Milladoiro recibiu no pasado mes de marzo o premio Mestre Mateo a mellor documental por Os espazos en branco. Ademais, Serea Teatro, que forma parte de Serea Producións, realizou unha residencia no auditorio sa Casa da Cultura do Milladoiro para preparar a obra de teatro A luz do día, nalgún lugar do mundo, a algunha muller, dirixida por Noelia Papín que foi estreada o pasado 14 de decembro no Milladoiro.
Participou tamén Carlos L. Ríos, de El creador de nubes, unha axencia dinamizadora de ideas e procesos creativo-económicos nun entorno rural; Dora Vieiro, da empresa Aquelando SL, que se encarga da organización de actividades para o tempo libre e que xestiona o Club xuvenil de Ames e mailo Club de mocidade con diversidade de Ames. Por último, interviu Luis Pombo, da empresa LEILOIO International, unha compañía galega que ofrece asesoramento en operacións comerciais internacionais e formación técnica.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Os estudantes do instituto de Negreira coñecen o labor dos coworkers do espazo A Proa"