Solapas principales

Un total de 35 finalistas aspiran a gañar os V Premios Youtubeiras na gala de entrega presentada por Tanxugueiras

Martes, 16 de noviembre de 2021

Youtubeiras recupera neste 2021 a gala presencial, que este ano se celebrará na Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 26 ás 20.00 horas. O xurado, constituído por Fernando Ramallo, Adrián Lede, Noemí García, Sonia Méndez e Esther Estévez, escolleu como finalistas na categoría de Youtubeira/o a Olaxonmario, Neeumátiko e Cousxs. Os dous primeiros tamén aspiran a levar o galardón de Canle, xunto a O Son das ideas. Os convites para asistir como público están dispoñibles dende hoxe e poden conseguirse a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, xa teñen finalistas para as súas doce categorías. En total, 35 propostas disputaranse os galardóns desta quinta edición e as persoas gañadoras daranse a coñecer o próximo venres 26 de novembro. Ese día, ás 20.00 h, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a gala de entrega dos Premios Youtubeiras, que presentará o grupo Tanxugueiras.

Desta quinta edición dos galardóns, a organización destaca dous trazos fundamentais comúns dos vídeos e canles participantes nesta edición: un “notable aumento na calidade técnica e de contidos” e “unha importante ampliación das temáticas tratadas”. Os videoblogs, os deportes, as viaxes, a identidade, a sexualidade, a cociña, os xogos e a música son os principais asuntos que se abordan con máis regularidade entre as youtubeiras e youtubeiros, que constitúen unha “comunidade en pleno proceso de expansión e consolidación”. Explicouno así Carme Pereiro, coordinadora dos Premios Youtubeiras, na conferencia de prensa para presentar a gala e anunciar a relación de finalistas, na que tamén participaron Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames; María Muíño, deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, e o grupo Tanxugueiras.

A propia Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, quixo agradecer a ampla participación desta edición e destacou o traballo conxunto de concellos e institucións para “multiplicar resultados”. “Para un concello como o de Ames, un concello mediano e cuns recursos económicos limitados, pertencer a un proxecto como Youtubeiras é un xeito de poder chegar máis lonxe e de conseguir maiores obxectivos no eido da normalización lingüística. Os proxectos colaborativos axudan a sumar esforzos e a multiplicar resultados”.

Deliberacións do xurado

O xurado, constituído polo sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e directora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia, reuniuse en Pontevedra a semana pasada para escoller a relación de finalista en once das doce categorías, xa que o Premio do Público vén determinado polos votos emitidos polos/as internautas nas redes sociais de Youtubeiras. Segundo a acta, o xurado valorou positivamente tanto “a cantidade como a calidade” das canles presentadas e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para o Youtube en lingua galega”.

As deliberacións do xurado determinaron que Olaxonmario, Neeumátiko e Cousxs sexan as finalistas do Premio Youtubeira/o 2021. Os dous primeiros, ademais, aspiran xunto a O Son das Ideas a facerse co galardón á canle. Na categoría de vídeo, os finalistas son: “Por que non entendo o portugués? Co @Portuguese with Leo”, vídeo de Olaxonmario; “A nova bomba de Tanxugueiras”, vídeo de Cousxs, e “Educación Franquista”, vídeo de Pradorua. Estes tres galardóns contan cunha dotación económica que ascende aos 1.000 euros, mentres que a do resto de categorías é de 500. Para o Premio do Público, os finalistas son: “Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia”, da canle Orgullo Galego; “Amemos o noso”, de Xabi Gómez, e “El cuarteto de IBAI” - Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA) Feat. Dani Piñeiro” de Fica coa Bola.

As propostas que acaparan o maior número de finalistas son as seguintes: Olaxonmario aspira en total a facerse cos premios en cinco categorías (canle, youtubeira, vídeo, impacto e creatividade). A catro galardóns opta Neeumátiko (canle, youtubeira, calidade lingüística, impacto) e tamén Cousxs (youtubeira, vídeo, calidade lingüística e premio musical). O Son das Ideas pelexa por tres premios (canle, técnica e creatividade).

Pola súa banda, o grupo Tanxugueiras ten un duplo protagonismo nestes Premios Youtubeiras, xa que ademais de protagonizar o vídeo finalista de Cousxs, presentará a gala de entrega do vindeiro venres 26 de novembro. Dende Tanxugueiras, sinalaron esta mañá ante os medios que a gala será neste 2021 eminentemente musical, sen querer adiantar moitos máis detalles para sorprender o público que acuda á Casa da Cultura de Bertamiráns. Tanxugueiras unirase así a Iria Pinheiro, Patricia de Lorenzo ou a compañía teatral A Panadaría na lista de artistas e formacións que nos últimos anos presentaron a gala dos Premios Youtubeiras.

Relación de finalistas por categorías

1. Premio Canle

2. Premio Youtubeira

3. Premio Vídeo

4. Premio Calidade lingüística

5. Premio Impacto

6. Premio Calidade técnica

7. Premio Comunicación

8. Premio Creatividade

9. Premio Musical

10. Premio didáctico

11. Premio Pioneiro

12. Premio do público

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Volve en Bertamiráns, con 35 finalistas, a gala dos Premios Youtubeiras"

El Correo Gallego: "Elixirán o mellor vídeo Youtubeiras entre 35 a concurso en Bertamiráns"

Un total de 35 finalistas aspiran a gañar os V Premios Youtubeiras na gala de entrega presentada por Tanxugueiras

Multimedia

  • Un total de 35 finalistas aspiran a gañar os V Premios Youtubeiras na gala de entrega presentada por Tanxugueiras
  • Un total de 35 finalistas aspiran a gañar os V Premios Youtubeiras na gala de entrega presentada por Tanxugueiras
  • Un total de 35 finalistas aspiran a gañar os V Premios Youtubeiras na gala de entrega presentada por Tanxugueiras
  • Un total de 35 finalistas aspiran a gañar os V Premios Youtubeiras na gala de entrega presentada por Tanxugueiras
  • Un total de 35 finalistas aspiran a gañar os V Premios Youtubeiras na gala de entrega presentada por Tanxugueiras