- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado xoves, 26 de decembro, a concesión de axudas para as familias numerosas do concello de Ames. Así, aprobouse a concesión de 68.400 euros entre 57 familias (35 aprobadas pola UTS de Bertamiráns e 22 aprobadas pola UTS do Milladoiro). O pagamento de ditas axudas fíxose efectivo antes do 31 de decembro. As axudas consisten nun pagamento único de 1.200 euros por unidade de convivencia A estas axudas puideron optar as familias numerosas que teñen a súa residencia habitual no Concello de Ames, de maneira ininterrompida desde hai polo menos un ano.
A través desta liña de axudas, a Concellaría de Benestar Social busca apoiar a este tipo de familias, fixando ao mesmo tempo poboación no concello e potenciando un crecemento demográfico sostido no tempo. O obxectivo destas axudas é proporcionarlles apoio económico a aquelas familias cualificadas como numerosas pola consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, ou organismos análogos doutras comunidades autónomas.
Os beneficiarios/as destas axudas son aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio de Ames. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Socail, pretende axudar a aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos fillos; aínda que estas axuda non é exclusiva, singulariza a Ames entre os municipios da área.
Para iso a Xunta de Goberno Local acaba de aprobar a concesión destas axudas económicas tramitadas no ano 2019 e que se corresponden co ano natural 2018, que consisten no pagamento único de 1.200 euros por unidade de convivencia. Neste caso, concédese o reparto de 68.400 euros entre 57 familias (35 aprobadas pola UTS de Bertamiráns e 22 aprobadas pola UTS do Milladoiro).
Ademais, denegóuselle esta axuda a 34 familias por diversos motivos recollidos nas bases de dita convocatoria de axudas e solicitóuselle documentación a 10 unidades de convivencia para que a acheguen co obxecto de poder aprobarlle tamén esta axuda unha vez se comprobe a documentación achegada.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “Ames ten uns segmentos de poboación moi variados e hai un número importante de familias para as que estas axudas son imprescindibles á hora de abordar os seus gastos correntes ou algún gasto extraordinario. Aínda que Ames é un concello novo e cun saldo vexetativo positivo importante, as familias numerosas xogan un papel importante á hora de reverter a situación demográfica xeral, polo que o Concello de Ames seguirá apostando por este tipo de axudas que, aínda que non teñen un importe moi elevado por familia, si considero que son necesarias xa que supoñen un apoio as súas economías”.