Solapas principales

Unha alumna do Agro do Muíño gaña o concurso de debuxo “Cores para a Esclerose” para conmemorar o Día Mundial da Esclerose Múltiple

Sábado, 29 de mayo de 2021

O Concello de Ames súmase á campaña “Cores para a Esclerose”, organizada pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, para conmemorar o Día Mundial da Esclerose Múltiple, que se celebra o 30 de maio de cada ano. A iniciativa deste ano promove a divulgación e visibilización da enfermidade dirixida aos centros de educación primaria de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Teo e Oroso. Para iso, organizouse un concurso de debuxo sobre a enfermidade que gañou, na categoría B, Elsa Villanueva Giao, alumna do CEIP Agro do Muíño. A Casa do Concello iluminarse de vermello para darlle visibilidade a esta enfermidade.

Con motivo do Día Mundial da Esclerose Múltiple, 30 de maio, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) preparou unha campaña de concienciación, divulgación e visibilización da enfermidade na comunidade escolar, especificamente entre o alumnado de primaria dos centros educativos de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Oroso e Teo.

“Cores para a Esclerose”
Baixo o nome “Cores para a Esclerose” preténdese visibilizar a esclerose múltiple e dárlle cor; no sentido de arroxar luz e optimismo como actitude necesaria para afrontar unha enfermidade crónica e dexenerativa. Ademais, a campaña estivo formada por un concurso de debuxo. Un dos obxectivos da iniciativa é transmitir a importancia do tecido asociativo, por ser puntos de apoio fundamentais nas comunidades, e traballar na educación primaria de valores. Que as nenas e os nenos saiban que as persoas afectadas non están soas, se non que ademais da asistencia sanitaria reciben apoio, atención e servizos nas asociacións de pacientes.

Pódese ver o vídeo de presentación da campaña “Cores para a Esclerose” premendo nesta ligazón. Nel, persoas afectadas contan a súa historia de superación ao alumnado, así como a a importancia das redes de apoio e da boa actitude ante a enfermidade.

Concurso de debuxo e entrega de premios
A campaña “Cores para a Esclerose” concrétase nun concurso de debuxo divido en tres categorías. A categoría A, dirixida ao alumnado matriculado en 1º e 2º de primaria, a categoría B, para o alumnado matriculado en 3º e 4º de primaria, e a C, para os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria.

Elsa Villanueva Giao, alumna do CEIP Agro do Muíño, gaño o premio na categoría B. A rapaza foi galardoada cun lote composto por: un libro, unha bolsa de tea e unha pulseira solidaria da Asociación, lapis externo, e un lote de material escolar.

A entrega de premios realizouse o pasado xoves, 27 de maio, na sede da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, na la rúa Queixume dos pinos de Santiago, ás 17.00 horas. Ao acto, encabezado pola la presidenta da asociación Teresa González, acudiu a concelleira de Sanidade, Luísa Feijoo, xunto con outros ediles da áreas. Tamén asistiu o director de Alcampo Santiago.

A esclerose múltiple (EM)
A esclerose múltiple (EM) é unha das enfermidades máis comúns do sistema nervioso central (cerebro e medula espinal). A día de hoxe, máis de 2,3 millóns de persoas en todo o mundo padecen EM.

A EM é unha enfermidade desmielinizante inflamatoria. Está provocada por un dano na mielina, un material graxo que illa os nervios. Na EM, a perda de mielina afecta á forma en que os nervios conducen os impulsos eléctricos cara o, e desde o cerebro. Os síntomas poden ser, entre outros, visión borrosa, debilidade nas extremidades, sensación de formigueo, inestabilidade, problemas de memoria e fatiga.

Á maioría das persoas diagnostícaselles EM entre os 20 e os 40 anos. A EM é de dúas a tres veces máis habitual nas mulleres que nos homes. Non hai ningún medicamento que poida curar a EM, pero hai tratamentos que poden modificar o curso da enfermidade.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego:  "Alumna do Agro do Muíño gaña o concurso Cores para a Esclerose"

La Voz de Galicia: "Alumnos de Oroso, Ames y Santiago ganan el concurso de dibujo «Cores para a esclerose»

Entrega de premios concurso de debuxo “Cores para a Esclerose”

Multimedia

  • Entrega de premios concurso de debuxo “Cores para a Esclerose”
  • Entrega de premios concurso de debuxo “Cores para a Esclerose”
  • Entrega de premios concurso de debuxo “Cores para a Esclerose”
  • Dia Mundial da Esclrerose Múltiple
  • Embedded thumbnail for