- Tematica
Co remate do mes de xullo chega tamén o peche da segunda edición do campamento sénior Amessán, organizado pola Concellaría de Promoción da Saúde e Benestar Social e enfocado ás persoas maiores de 60 anos do concello. A boa acollida da primeira edición continuou este ano, cunha media de 60 persoas participando nas diferentes propostas do campamento, que se desenvolveron en horario de mañá os martes e os xoves de xullo. As persoas participantes gozaron de actividades ao aire libre e unha serie de saídas a San Xusto, Noia, A Coruña e á praia fluvial da Praíña.
O campamento sénior Amessán 2022, dirixido a persoas de 60 anos en diante do concello, vén de chegar a súa fin o pasado xoves 28 de xullo, cunha última saída á praia fluvial da Praíña, no paso do río Ulla por Pontevea, que serviu como día de clausura. Neste último día, a expedición do campamento visitou a Burga de Xermeade, gozou dun xantar colectivo e dunha andaina ata o Xirimbao.
En total realizáronse catro saídas ao longo dos xoves do mes de xullo, que complementaron ás actividades terapéuticas ao aire libre, que se realizaron os martes no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e na contorna da piscina municipal do Milladoiro. As actividades do campamento contaron cunha participación media dunhas 60 persoas, e se desenvolveron en horario de mañá como parte do programa Amessán, que deste xeito ampliou a súa programación habitual ao verán.
Ademais da saída á praia da Praíña, as participantes no campamento sénior gozaron doutras saídas. O xoves 7 estiveron en San Xusto, onde percorreron a ruta da fervenza e visitaron o mosteiro. A segunda excursión foi o xoves 14 a Noia, onde se visitou a Casa do Concello, a igrexa de Santa María Nova e o seu museo de lápidas, a igrexa de San Martiño, o Museo do Mar, e o seu mercado de rúa.
Xa na segunda quincena de actividades, o xoves 21 viaxouse á Coruña, onde puideron achegarse á Torre de Hércules ou a praia de Riazor. Ademais, o mércores 27 visitaron O Fogar do meu burro, onde gozaron dunha actividade interxeracional, compartindo espazo e almorzo coa rapazada dos seus campamentos.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O campamento Amessán ‘activou’ aos maiores con 60 persoas por actividade"