Solapas principales

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia atenderá as doazóns de sangue esta semana en Bertamiráns e Milladoiro

Martes, 09 de julio de 2019

A Concellaría de Benestar Social informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) estará esta semana nos núcleos de Bertamiráns e Milladoiro. No Milladoiro, o vehículo estacionará o hoxe e mércores na rúa Cruxa, na intersección coa rúa Rosalía de Castro; mentres que en Bertamiráns estará xoves e venres na avenida da Mahía, diante da Praza. En calquera das dúas localidades, os doantes poderán achegarse en horario de 15.30 a 21.00h. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar. O Concello de Ames colabora coa campaña solidaria da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos #súmatedoasangue.

Dende o Centro de Transfusión de Galicia lémbrase ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo. Non lles está permitido doar ás persoas menores de 18 anos nin ás maiores de 65 anos (idade a partir da cal é preciso un permiso médico). En Galicia precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día xa que, diariamente, os hospitais atenden unha media de 2.700 urxencias cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.

Recomendacións para doar

As recomendacións para persoas que queiran doar, así como os requisitos, poden obterse premendo nas ligazóns do apartado de descargas. Ademais, o Centro de Transfusión de Galicia publicou un vídeo no que se explica polo miúdo o proceso e que se pode ver premendo na seguinte ligazón https://www.youtube.com/watch?v=ONAx5Aor2JI.

Segundo indican dende o Centro de Transfusión de Galicia “as persoas que doan sangue son unha parte importante da sanidade. Están presentes nas intervencións cirúrxicas, cando se atende a persoas que sufriron un accidente de tráfico, cando se loita contra o cancro e a leucemia, cando se realiza un transplante de órganos... O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a súa saúde”.

Portada campaña Doa sangue

Multimedia

  • Campaña doazón sangue Milladoiro
  • Campaña doazón sangue Bertamiráns