- Tematica
A Concellaría de Benestar Social informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) estará os días 19 e 20 de agosto en Bertamiráns. O vehículo estará ao carón da praza da Maía, en horario de 9.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar. O Concello de Ames colabora coa campaña solidaria da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos #súmatedoasangue.
Como é ben sabido, a época do verán é a máis complicada para manter constante a participación nas campañas de doazón de sangue. Neste verán, os hospitais precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a todos os doentes. As persoas enfermas que ingresan nos hospitais non toman vacacións e dependen da solidariedade das persoas que doan sangue para recuperar a saúde ou salvar a vida.
O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo grazas á doazón de persoas solidarias. Todos os días o precisan moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro, leucemia, transplantes de órganos... Desde 1985, a doazón de sangue por lei é un acto voluntario, altruísta, anónimo, universal e gratuíto.
Dende o Centro de Transfusión de Galicia lémbrase ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo. Non lles está permitido doar ás persoas menores de 18 anos nin ás maiores de 65 anos (idade a partir da cal é preciso un permiso médico). En Galicia precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día xa que, diariamente, os hospitais atenden unha media de 2.800 urxencias, máis de 575 intervencións cirúrxicas e transplantes de órganos.
Recomendacións para doar
Premendo nesta ligazón pódese obter material informativo sobre a doazón de sangue e os requisitos de saúde para participar. Tamén podes ver estes vídeos nos que se explica polo miúdo o proceso de doar sangue: Doazón de sangue en Galicia e Como salvar vidas en 10 minutos.
Segundo indican dende o Centro de Transfusión de Galicia “as persoas que doan sangue son unha parte importante da sanidade. Están presentes nas intervencións cirúrxicas, cando se atende a persoas que sufriron un accidente de tráfico, cando se loita contra o cancro e a leucemia, cando se realiza un transplante de órganos... O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a súa saúde”.