- Tematica
A unidade móbil de doazón de sangue estará este xoves 22 e venres 23 de xullo no Milladoiro, na rúa Cruxa, no cruce con Rosalía de Castro. O horario do xoves será de mañá e de tarde, de 9.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 horas. O venres, estará só de tarde, entre as 15.30 e as 21.00 horas. Por mor da pandemia da Covid-19, e para regular a afluencia de doantes e evitar esperas, é necesario solicitar cita previa chamando ao número de teléfono 900 100 828.
Protocolos de seguridade
Os traballadores e traballadoras sanitarios que atenden as unidades móbiles de doazón de sangue extreman estes días os protocolos de seguridade. Ademais de atender a través de cita previa, en cada local de doazón e en cada unidade móbil, o persoal cambia as luvas e limpa as padiolas despois de cada doazón, todo o material que se utiliza é estéril e serve para unha soa vez, e execútase unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección.
Cómpre salientar asemade que á saída e á entrada de cada local de doazón e nas unidades móbiles hai un envase con solución desinfectante para que os doantes o utilicen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase a subministración de compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia de acordo coas súas necesidades. Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais, na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender aos enfermos que as precisen.
Solicitude de cita previa para doar
Na situación actual, na que necesariamente debemos gardar certas prevencións sociais encamiñadas a preservar a saúde de todos, trabállase con cita previa para regular a afluencia de doadores, evitando esperas. A cita previa pódese solicitar chamando ao número de teléfono 900 100 828.
#sumateaonosoequipo
Dende 1985, a doazón de sangue por lei é un acto voluntario, altruísta, anónimo, universal e gratuíto. O sangue non se pode fabricar e so é posible obtelo grazas á doazón de persoas solidarias que axudan ás persoas enfermas a recuperar a saúde.
Os hospitais galegos precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes. Todos os días o precisan moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro, leucemia, transplantes de órganos… Cada día, os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue.
Para máis información sobre a doazón de sangue e os requisitos de saúde para participar premer aquí e neste PDF. Tamén podes ver este vídeo no que se explica o proceso de doazón.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "A campaña de doazón de sangue terá lugar esta semana no Milladoiro"