- Tematica
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) impartirá mañá, mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, unha nova charla para tratar de entender a factura da luz. Desta volta, a actividade, que no mes de novembro xa se celebrara no Milladoiro, terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. A charla, enmarcada no acordo que manteñen o Concello de Ames e a UCGAL, busca facilitarlle aos consumidores e usuarios amesáns unha mellor comprensión en materia de subministración eléctrica.
No marco do convenio de colaboración entre a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), mañá, 14 de decembro, ás 20:00 horas, vaise celebrar na Casa do Concello, en Bertamiráns, unha charla denominada “Non quedes a escuras. Entende a factura da luz”.
Consciente da complicación que representa coñecer os mecanismos de funcionamento do sector electrico, a UCGAL pretende formar á cidadanía no eido da subministración eléctrica para garantir os seus dereitos como consumidores e axudarlles a entender e aforrar na factura da luz. Deste xeito, os asistentes poderán resolver as súas dúbidas sobre as distintas modalidades de contratación de electricidade, a potencia contratada e as tarifas existentes.
Este actividade formativa estará impartida por técnicos da Unión de Consumidores de Galicia, e conta coa colaboración do Concello de Ames. A través desta xornada facilitaráselle aos consumidores e usuarios amesáns unha mellor comprensión en materia de subministración eléctrica.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “esta é a segunda das xuntanzas informativas que os técnicos da Unión de Consumidores de Galicia impartirán en Ames para entender a factura da luz. Neste caso, celebrarase en Bertamiráns, e animamos á cidadanía a que acuda porque é un tema de interese e actualidade”.
Servizo da UCGAL en Ames
Esta actividade enmárcase no acordo asinado entre o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Todos os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre a factura da luz ou calquera outro tema poderán facelo solicitando cita previa para dispor dos servizos que a UCGAL ofrece tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Desta maneira, poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.
O persoal técnico da UCGAL atende ás persoas consumidoras do Milladoiro nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 horas a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas. No caso de Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo ao enderezo electrónico info@consumidores.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Divulgan as claves da factura da luz"