- Tematica
A Unión de Consumidores de Galicia vai impartir dúas charlas informativas sobre comisións e custos bancarios, e acceso e funcionamento da banca electrónica. A primeira charla terá lugar o 11 de decembro, ás 16:00 horas, no Centro de maiores de Bertamiráns; e a segunda será o xoves 14 de decembro, ás 19:00 horas, no Centro de maiores do Milladoiro. Esta actividade enmárcase no acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).
No marco do convenio de colaboración entre a Union de Consumidores de Galicia e o Concello de Ames, os vindeiros 11 e 14 de decembro impartirase unha charla sobre comisións bancarias e banca electrónica. O día 11 será no Centro de maiores de Bertamiráns ás 16:00 horas, e o 14 no Centro de maiores do Milladoiro ás 19:00 horas.
Nestas dúas charlas, dirixidas principalmente ás persoas maiores, falarase de comisións bancarias e a súa legalidade, controis e límites por parte do Banco de España, e das comisións máis frecuentes. Así mesmo, tamén se exporán as mellores opcións para evitar estas comisións e farase unha introdución ao acceso á banca online. Por último, ante as cada vez máis frecuentes estafas bancarias, darase unha aproximación ás máis habituais para saber como recoñecelas.
Ademais, explicarase como se descargan os Bonos Consuma, que se enmarcan dentro do programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. Os bonos estarán dispoñibles na aplicación móbil para a súa descarga desde o 15 de decembro de 2023 ata o 31 de xaneiro de 2024.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “as charlas que imparten os técnicos e técnicas da Unión de Consumidores de Galicia son sobre temas de interese e actualidade. Neste caso farase unha xuntanza informativa sobre as comisións bancarias e maila banca electrónica, temas que serán de grande axudas para a veciñanza amesá, e en especial para os veciños e veciñas da terceira idade”.
Servizo da UCGAL en Ames
Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade, é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Deste xeito poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.
O persoal técnico da UCGAL atende ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@consumidores.gal.