- Tematica
Ames participa un ano máis na campaña de esquí organizada pola Deputación da Coruña, nesta ocasión na estación invernal de Valgrande-Pajares, en Asturias. Malia contar orixinalmente con trece prazas na segunda das cinco quendas de concellos, finalmente puideron viaxar vinte e dous mozos e mozas entre os días 21 e 24 de xaneiro. Ademais, outros cinco rapaces e rapazas accederán á terceira quenda, que terá lugar dende este venres 28 ata o luns 31 de xaneiro.
Un cento de mozos e mozas de entre 11 e 15 anos viaxaron a pasada fin de semana a Asturias, á estación de esquí de Valgrande-Pajares, co fin de gozar da neve e do deporte en grupo. Na expedición viaxou rapazada dos concellos de Ames, Boiro, Brión, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois, aos que lles correspondía participar na segunda das cinco quendas de viaxe que organizou a Deputación, entre os días 14 de xaneiro e 21 de febreiro.
Como parte deste grupo, vinte e dous rapaces e rapazas amesás viaxaron a estación asturiana, na que contaron coa oportunidade de iniciarse ou perfeccionar a práctica do esquí coa axuda de monitores e monitoras profesionais, participando tamén en varias actividades deportivas e culturais que se organizaron de xeito complementario durante a fin de semana de estancia na neve.
Ademais, nos próximos días poderán gozar do esquí cinco mozos e mozas de Ames máis, despois de que quedarán dispoñibles prazas na terceira quenda de viaxes, que se celebra entre os días 28 e 31 de xaneiro. Durante estes días, compartirán experiencias con rapazada de Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Frades, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra, municipios da contorna ou próximos a Ames.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Vinte e dous mozos na neve coa Deputación"