- Tematica
O programa Apego pecha a programación do primeiro semestre de 2023 cun concerto, que estará protagonizado por Uxía Lambona e a Banda Molona. A actividade, gratuíta e dirixida a un público familiar, terá lugar o sábado, 17 de xuño, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Se o tempo o permite, o concerto trasladarase ao exterior, e será na Praza de Chavián para poder acoller a todas as familias que queiran vir gozar do concerto. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, día 8, ata o 15 de xuño. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto.
A Concellaría de Normalización Lingüística está a piques de poñerlle o ramo á programación Apego de Ames dos últimos meses. Será cunha das actividades máis agardadas, o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona no que nos presentarán o seu novo espectáculo “Un soño é...” con temas novos, pero tamén cos temas máis clásicos da banda máis molona que temos no país para comezar o verán con enerxía da boa fartándonos de rir, de cantar e de bailar ao ritmo de rock, ska, reggae, cumbia...
A actividade realizarase o sábado, 17 de xuño, na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 19:00 horas. Se o tempo o permite, o concerto trasladarase ao exterior, e será na Praza de Chavián para poder acoller a todas as familias que queiran vir gozar do concerto.
O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, día 8, ata o 15 de xuño. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto.
Proxecto lúdico, musical e educativo
Uxía Lambona e a Banda Molona é unha banda musical infantil que naceu como un proxecto lúdico, musical e educativo no ano 2014. A banda está formada por Sergio Rodríguez, Diego Roca, Fernando Moure, Jorge Muñoz, Diego Martínez e a cantante Laura de Gabriel.
O obxectivo principal é sobre todo facer cantar e bailar a nenos e nenas, achegándolles os temas tradicionais galegos dunha forma nova e atractiva. Para iso, utilizan novos estilos musicais como o ska, rock ou o hip-hop mesturado con música tradicional popular e ofrécennos temas como A Carolina «rapeada» ou o Jato «rockeiro». Actualmente ten tres discos publicados no mercado, titulados Uxía Lambona e a Banda Molona, A bailar coma tol@s e o seu último disco Astronauta Sideral.
O programa Apego, un vehículo para a transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.
Novas relacionadas:
Enfoques: "Uxía Lambona e a Banda Molona cierran la programación de Apego de Ames"