- Tematica
13 actuacións musicais compoñen o programa “AmesON” co que, a Concellaría de Promoción Económica xunto coa de Cultura, xuntan forzas este verán para dinamizar a cultura e a economía en Ames durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Cómpre salientar que moitos e moitas das artistas que desfilarán polo AmesON son veciños e veciñas de Ames. Dará comezo o sábado19 de xuño coa actuación de Sond de Caracas no Milladoiro, ás 20.00 horas. A programación espallarase polas prazas de Manuel Murguía e da Madalena, no Milladoiro, e no Parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Coma novidade, nesta edición haberá unha Festa Latina que homenaxeará a Cuba, o sábado 17 de xullo. O programa pecharase o 3 de setembro coa actuación da París de Noia e cos gañadores do concurso “Canta con Ames” como teloneiros. Todas as actuacións comezarán ás 20.00 horas. Podése ver o cartel ca programación nesta ligazón.
O Concello de Ames presentou esta mañá a programación do “AmesOn”. No acto compareceron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o alcalde, Blas García. Tamén interviron José Antonio Blas Piñón, director xerente da Orquesta París de Noia e Marcos Varcácel, compoñente da orquesta e veciño de Ames.
Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica asegurou que seguen a traballar no Plan de reactivación: “Dende o Concello de Ames e a Concellaría de Promoción Económica, xunto coa de Cultura, hoxe presentamos a segunda edición do AmesOn adicado á música. O obxectivo do programa é dinamizar os sectores culturais, comerciais e a hostelería do noso Concello. Como o ano pasado todos os grupos teñen compoñentes que son veciños e veciñas de Ames”.
José Antonio Blas Piñón, director xerente da Orquesta París de Noia: “A maior parte de compoñentes que temos na orquesta, son veciños de Ames. Quero agradecer poder ser o colofón deste programa de música, non vos imos defraudar. Este ano estamos preparando o espectáculo “A xira do camiño”, que esta pensado para toda familias. Dende os mas maiores ata os máis pequenos, poderán desfrutar. Imos adicar 15 minutos a cancións infantís de Disney e Xabarín Club. Haberá música galega, folk, latina... para todos os gustos. Ademais, quero que os teloneiros sexan os gañadores do concurso "Canta con Ames".
Marcos Varcácel, compoñente da mencionada orquesta e veciño de Ames, quixo agradecer ao Concello a iniciativa de realizar concertos dende que a normativa o permitía: “Xa o ano pasado, coa actuación, demostramos que a cultura é segura. Somos moitos veciños de Ames os que vivimos disto. Son compoñente da París de Noia dende fai 22 anos e para min é un orgullo”.
Blas García, alcalde de Ames asegurou que: “Aínda que organizamos todas estas actividades pensando na veciñanza, tamén as enfocamos, e máis nesta situación, para que podas reactivar un pouco o comercio e a hostelería. Ademais, pretendemos axudar a un sector tan prexudicado como é o da verbena e da orquesta. Ames é un lugar onde viven moitas persoas vinculadas coa orquesta. Para nós é un pracer colaborar con eles, ademais de ser unha necesidade. ”.
O programa pretende achegar ao veciños e veciñas múltiples actuacións musicais ao Milladoiro e Bertamiráns co fin de activar a economía. AmesON quere ser unha axuda directa á dinamización das rúas de Ames e que beneficien aos comercios e hostalaría.
O “AmesON” comezará o sábado 19 de xuño coa actuación de Sond de Caracas, na Praza de Manuel Murguía no Milladoiro. O venres 25 de xuño, o Parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá ao grupo Os Piñeiros Band.
Xullo
A programación de xullo comeza o venres 9 con The Goonies, no Milladoiro. O sábado 17 levarase a cabo a Primeira Edición da Festa Latina que homenaxeará Cuba. Celebrarase no Parque do Ameneiral, en Bertamiráns,
Ellas Son actuará no Milladoiro o venres 23 e Samco, o xoves 29. Ambas actuacións serán na Praza de Manuel Murgía.
O sábado 31 de xullo, na Praza da Madalena, Xosé Costela Grupo pechará os eventos de xullo.
Agosto
O domingo 1, o grupo Son de Tres, estará no Milladoiro e, o mércores 4, Nerea&Chocolate, en Bertamiráns.
O xoves 5, en Bertamiráns, celebrarase a Fase Festa con Pepo Suevos, Fátima Pego e Josep Ruíz.
Aires de Orino estará o domingo 8 e Virtual Projet, o sábado 28, no Parque do Aemeneiral.
Setembro
O último mes do AmesOn péchase coa actuación da Orquesta París de Noia, que este ano introduce no seu espectáculo 15 minutos de cancións infantís. Ademais, recordará a cantantes de todos os estilos musicais para todos o gusto e idades. Como teleneiros, actuarán os gañadores da primeira edición do concurso de karaoke “Canta con Ames”.