Solapas principales

Volve o Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo, a Ames

Jueves, 02 de diciembre de 2021

O Salón de Plenos do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación da IV edición do Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo, un evento que busca que as cativas e cativos da casa desfruten dunha selección de curtas chegadas de todo o mundo, ademais dunha serie de actividades paralelas como o taller de stop motion, de maquillaxe de efectos especiais ou a festa dos videoclips. A cita será os días 10, 11 e 12 de decembro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira municipal. Para máis información pódese acceder a www.cinemamiudo.gal.

O Festival, organizado polo Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, contou no seu acto de presentación coa participación de Natividade González, concelleira de Cultura; María Vázquez, técnica de animación sociocultural do departamento de cultura de Ames; Mónica Vázquez, responsable de comunicación do Festival Cinema Miúdo, e parte do equipo organizativo de Patio de Luces Producciones, e Blas García, alcalde do Concello de Ames. Premendo nesta ligazón podes descargar o catálogo da cuarta edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames.

Ames, referente audiovisual do cine miúdo
Natividade González comezou destacando como “este festival pon a Ames no mapa, e nos posiciona no panorama audiovisual como un referente a nivel galego, estatal e internacional. Durante tres días os centros culturais de Ames proxectarán máis de 50 filmes que proveñen de todo o mundo e de diferente temática, para que nenas e nenos gocen do sétimo arte”. Ademais, reafirmou a aposta do Concello a través deste festival  involucrando aos centros de ensino “xa que supón tamén unha importante ferramenta educativa en continua comunicación do Concello cos centros escolares”.

Pola súa banda, María Vázquez, adiantou parte do amplo programa que terá lugar durante tres días na Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. “Baixo o lema ‘A maxia do cine’, ademais das proxeccións, programáronse actividades paralelas como talleres de stop motion, maquillaxe de efectos especiais e festa dos videoclips".

Mónica Vázquez reafirmou o convite a que toda a rapazada de Ames e toda Galicia se achegue a desfrutar da cultura segura e asistan ao cine, “nunha era na que temos miles de propostas a través das plataformas, a maxia de asistir a unha sala de cine, é única e as cativas non deben de perderse esta experiencia”.

Rematou o acto o alcalde do Concello de Ames, Blas García, resaltando “que a cultura non só é un dereito, é tamén unha obrigación para as administracións que temos que apostar e poñer a disposición das veciñas e veciños actividades nas que poidan participar. Trátase dun festival pioneiro en Galicia, no que contamos coa total participación dos centros educativos, totalmente en galego para fomentar a nosa lingua, e co que, ademais, achegamos ás pequenas e pequenos da casa, a sensación de estar ante unha gran pantalla”.

Programación do IV Festival Internacional de Cine Infantil
Ao igual que en pasadas edicións, a oferta está composta por unha selección de curtas nacionais e internacionais divididas en dous bloques por idades: Axóuxeres, para nenos e nenas a partir de dous anos, e Buxainas, para aqueles que xa teñan os sete anos. A xornalista, Loly Gómez, será a presentadora do Festival. Nas sesións de inauguración e clausura haberá unha actuación de maxia a cargo do ilusionista, Carlos Tomico, da compañía Maxia na manga.

Ademais desta selección oficial a concurso, a programación complétase con actividades pensadas para estimular o gusto polo cinema nos nenos e nenas ao tempo que se quere incentivar a creación de cine para a infancia. Nesta liña, contarase con sesións específicas para escolares que nesta ocasión se farán de xeito telemática, obradoiros de stop motion e de maquillaxe de efectos especiais, sesións musicais cunha festa dos videoclips galegos e proxeccións complementarias (Festi convidado Olloboi e pase de curtas OQO).

Talleres de stop motion e maquillaxe
O sábado 11 na Casa da Cultura de Bertamiráns haberá un taller de maquillaxe de efectos especiais, para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos. Tamén o sábado 11 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns impartirase un taller de stop motion para nenas e nenos de 5 a 7 anos. O domingo 12 realizarase o obradoiro de stop motion na Casa da Cultura do Milladoiro. Ditos talleres impartiranse en horario de 11.00 a 12.30 horas. Ofrécense 15 prazas para cada taller. Para participar hai que inscribirse enviando un correo electrónico con nome, apelidos e un número de telefono de contacto, ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

Por outra banda, o sábado 11 de decembro haberá unha exposición de pezas do artista de efectos especiais de maquillaxe, Alberto, Hortas, de 4 Ojos estudio, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Venta de entradas
As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames. No caso de que quedan entradas dispoñibles tamén se poderán mercar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo.

Todas as sesións serán gratuítas, menos a proxección da longametraxe “A Galiña Turuleca”, que terá un custo de 4 euros (farase prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos/as con carné xove e a persoas demandantes de emprego).

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Obradoiros y cortos gratis en el festival Cinema Miúdo 2021"

Lindeiros: "Festival Internacional de Cine Infantil, Cine Miúdo, en Ames"

21 Noticias: "Volve o Festival Internacional de Cinema Infantil, Cine Miúdo, a Ames"

 

Presentación do Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo

Multimedia

  • Presentación do Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo
  • Presentación do Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo
  • Presentación do Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo
  • Presentación do Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo
  • Cartaz do Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for