Solapas principales

Volve o teatro en marzo con “A lúa vai encuberta”, este venres 11

Martes, 08 de marzo de 2022

“A lúa vai encuberta” é a primeira das cinco obras que se representarán este mes de marzo en Ames, como parte da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2022. As compañías A Quinta do Cuadrante e Incendiaria darán vida a un texto orixinal de Manuel María sobre a realidade galega e a loita por conformarmos unha identidade propia. Será o venres 11, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas están xa á venda na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“A lúa vai encuberta” traballa un texto de Manuel María do mesmo nome, cunha peza que animará ao público a tomar un conciencia crítica da realidade a través da recuperación da memoria. Confrontando pasado e presente, a obra buscará mostrar as razóns dos trazos políticos, sociais e económicos que caracterizan Galicia.

A proposta das compañías A Quinta do Cuadrante e Incendiaria resultou gañadora da segunda edición do Premio Manuel María de Teatro, que galardoa cada dous anos á mellor proposta baseada nun traballo do autor. A iniciativa, da Casa-Museo Manuel María, dota ás compañías con 4.000 euros de premio e garante ao menos 30 representacións da obra nos concellos que apoian este certame.

Esta obra é a primeira das cinco que se representarán en Ames neste mes de marzo. A semana que vén será a quenda de “Asdomare”, o xoves 17, e “As que limpan”, o venres 18. Pola súa banda, o xoves 24 e o venres 25 terán lugar "Aibō" e “GOLFA”, respectivamente.

O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego. Ademais, as persoas que mercaran os bonos cultura poderán acceder directamente á butaca que reservaran coa compra do pase.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Chega a Bertamiráns o teatro con Manuel María"

AMSGO!: "Venres 11: A lúa vai encuberta. Regresa o teatro"

Volve o teatro en marzo con “A lúa vai encuberta”, este venres 11

Multimedia

  • Volve o teatro en marzo con “A lúa vai encuberta”, este venres 11