- Tematica
Este venres, 18 de outubro, volve a programación teatral ao concello de Ames con dous espectáculos: “Geometría del alma”, para público infantil, e “Go Home”, dirixida ao público adulto. Dita programación complétase coa obra de teatro “Testosterona”, que se vai representar o vindeiro 29 de novembro. Para o espectáculo infantil “Geometría del alma” quedan estradas dispoñibles, que se poden mercar na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Para o espectáculo “Go Home” xa están todas as entradas vendidas. As propostas para adultos enmárcanse dentro da programación da Rede Galega de Teatros, subvencionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). O espectáculo infantil forma parte do programa Camiño Escena Norte.
A Concellaría de Cultura volve a poñer en marcha a súa oferta de artes escénicas para o último trimestre do ano. Deste xeito, este venres, 18 de outubro, ás 18.00 horas, represéntase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, o espectáculo “Geometría del alma”, de Teatro Plus. Para este espectáculo infantil quedan estradas dispoñibles que se poden mercar na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Trátase dun espectáculo que mistura teatro visual, danza contemporánea e manipulación de obxectos que expresan a relación entre as formas xeométricas e o corpo humano; un corpo que tratará de dar alma á xeometría para poder comprender a xeometría da alma que está no seu interior.
Teatro para público adulto
Ademais, o venres 18 de outubro, ás 20.30 horas, hai teatro para adultos coa representación do espectáculo “Go Home”, da compañía Etiqueta Negra, que estará no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Para este espectáculo xa están todas as entradas vendidas.
“Go Home” conta a historia de David, un fanático das viaxes que xa pensa que xa viviu todas as aventuras que as axencias de turismo poden ofrecer, ata que unha sorpresa o leva a pasar unha noite en O Cebreiro. Este será o punto de partida dunha peripecia na que o protagonista experimentará emocións moi intensas. Trátase dunha peza dirixida por Tito Asorey e protagonizada por David Amor e Josito Porto que observa o mundo cara a cara, así como as súas problemáticas asociadas a Galicia.
Por último, “Testosterona”, de Malasombra Produccións, estará no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o venres, 29 de novembro, ás 20:30 horas. Este espectáculo narra unha historia que comeza cando o director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto nas mans dun dos seus dous subdirectores: unha é muller, o outro home. Que influirá nesta decisión? A capacidade?, o sexo?, a experiencia?, a audacia?, o engano?, a trampa? “Testosterona” propón unha reflexión profunda sobre a desigualdade laboral por razóns de sexo, pero de xeito que o público se sorprenda cun sorriso debuxado nos beizos vendo as peripecias das personaxes protagonistas.