Solapas principales

Volven as Andainas Saudables de Ames coa terceira e cuarta etapa do Xiro dos Montes

Jueves, 13 de enero de 2022

A Concellería de Promoción da Saúde continúa un ano máis co seu programa de Andainas Saudables nas fins de semana. Este sábado 22 de xaneiro realizaranse a terceira e a cuarta etapa do Xiro dos Montes, dando continuidade ás rutas programadas os pasados meses de novembro e decembro. Para participar na andaina polo percorrido, duns 8,6 quilómetros entre o Monte de Deus e o Monte de Vidán, cómpre inscribirse no enderezo promociondasaude@concellodeames.gal, ata o xoves 20 de xaneiro ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses, que sairán ás 10:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns, e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.

A saída entre o Monte de Deus e o Monte de Vidán será a primeira das seis andainas saudables que se realizarán nas fins de semana do primeiro semestre de 2022, dando continuidade ás catro rutas deste tipo repartidas mensualmente entre setembro e decembro do ano pasado. As andainas saudables complementan ao programa semanal SaúdeAndo con tramos máis esixentes, nas que a veciñanza conta ademais coa oportunidade de coñecer o entorno e a biodiversidade da zona.

Nesta ocasión, a actividade correspóndese á terceira e á cuarta etapa do Xiro dos Montes de Compostela, un percorrido duns 34 quilómetros que rodea o núcleo urbano de Santiago, unindo os principais montes da xeografía local. O corredor comeza no Monte de Viso e remata no Gaiás, pasando antes polo Monte do Gozo, o de Deus, Monte Pedroso, o Monte de Vidán, o de Conxo e Monte Santasmariñas. Ata o momento, nas andainas saudables a veciñanza amesá puido percorrer as dúas primeiras etapas do circuíto, polo que esta saída dá continuidade ás xa celebradas en novembro e decembro.

A terceira etapa do Xiro dos Montes une o Monte de Deus e Monte Pedroso, cun tramo de 5,31 quilómetros que percorrerá o entorno do río Sarela. Dende a saída, no Monte de Deus, baixarase cara ao río, para despois continuar pola ladeira do Pedroso ata a aldea de Montes. O traxecto continuará ata a Granxa do Xesto, un espazo con parque infantil no que se aproveitará para merendar nas zonas habilitadas. Para rematar, irase cara ao cumio do Pedroso, no que se atopa unha cruz de máis de vinte metros de altura e un miradoiro con vistas a máis de 25 quilómetros á redonda.

A continuación realizarase a cuarta etapa do Xiro dos Montes, que comunica Monte Pedroso co Monte de Vidán ao longo de 3,32 quilómetros de sendas. Volverase a descender cara á Granxa do Xesto para despois dirixirse á estrada de Figueiras. Dende aí collerase un carreiro en dirección a aldea de Bar, dende a cal se seguirá un tramo estreito ata confluír co Camiño de Fisterra. Finalmente, polo camiño porase rumbo a Vidán e ao seu miradoiro, rematando así a xornada.

Inscricións e servizo de autobuses

Para facer posibles estas saídas, a Concellaría de Promoción de Saúde porá á disposición da veciñanza un servizo de autobuses, que partirá ás 10:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns, e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar, cómpre inscribirse previamente a través do enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal, comunicando os datos das persoas asistentes. O prazo para sumarse á actividade rematará o próximo xoves 20 de xaneiro, ás 14:00 horas.

Por mor da situación epidemiolóxica, será imprescindible que as persoas asistentes presenten o seu certificado covid. No caso de non dispoñer del, cómpre presentar unha proba PCR negativa realizada con 72 horas de antelación, ou ben un test de antíxenos realizado 48 horas antes. Como é habitual, será necesario o uso de máscara durante toda a actividade.

Volven as Andainas Saudables de Ames coa terceira e cuarta etapa do Xiro dos Montes

Multimedia

  • Volven as Andainas Saudables de Ames coa terceira e cuarta etapa do Xiro dos Montes