Solapas principales

Volven as andainas saudables dos xoves

Martes, 04 de mayo de 2021

En grupos reducidos, con máscara e gardando a distancia de seguridade. A concellaría de Benestar Social, a través do programa “Saudeando” volve a poñer en marcha as “andainas saudables” ás que pode asistir calquera veciño/a de Ames que o desexe. Desenvolveranse todos os xoves, unha semana en Bertamiráns e outra en Milladoiro. Partirase dos Centros de Saúde ás 17:30 e realizarase unha ruta circular de aproximadamente unha hora. O vindeiro xoves, 6 de maio, terá lugar a primeira andaina no Milladoiro. Para participar nas andainas saudables non hai que inscribirse. Tan só hai que estar ás 17.30 horas diante do centro de saúde do Milladoiro ou de Bertamiráns, dependendo de onde saía a andaina. Cómpre lembrar que no Milladoiro hai que estar diante do novo centro de saúde.

As andainas saudables adoitan celebrarse desde hai tres anos entre os meses de marzo e decembro, respectando a parada do verán. Este ano, por mor das restricións sanitarias, a xeira de andainas adiouse até de agora. O departamento de saúde e benestar ten xa elaborado o calendario de andainas até o mes de decembro.

En Milladoiro, as andainas desenvolveranse os días 6 e 20 de maio, 3 e 17 de xuño, 9 e 23 de setembro, 7 e 21 de outubro, 4 e 18 de novembro e 2 e 26 de decembro.

En Bertamiráns, as citas para camiñar en grupo establécense para os días 27 de maio, 10 de xuño, 2, 16 e 30 de setembro, 14 e 28 de outubro, 11 e 25 de novembro e 9 e 23 de decembro.

Adoita acompañar estes paseos o monitor de marcha nórdica, Ricardo Angueira, que empresta bastóns e guía a todas aquelas que queren practicar esta disciplina deportiva no curso das andainas. As andainas adoitan durar aproximadamente unha hora, con exercicios de preparación ao inicio, sempre que o grupo o require, e con exercicios de estiramentos ao remate.

Para a concelleira de Saúde e Benestar, Luísa Feijóo a renovación das andainas supón “un novo pasiño cara esa tan ansiada "nova normalidade". O poder volver a saír a camiñar en grupo permite por unha banda facer actividade física e por outra volver a socializar, co gran beneficio que este contacto aporta tamén a nosa saúde mental”.

Pola súa banda, a técnica de saúde, Rosana Martínez, considera que “cada vez hai máis xente que non se move o suficiente, isto débese en gran parte a cambios no noso estilo de vida cara a un modelo máis sedentario”. Rosana manifesta que “con estas andainas o obxectivo que perseguimos é a incorporación da actividade física a vida cotiá, para que a práctica da mesma sexa accesible e sostible no tempo. É por ese motivo eliximos facer rutas urbanas, para que a poboación as identifique cos traxectos habituais que fai no seu día a día. En todo momento nos propoñemos unha actividade adaptable a practicamente todas as persoas, independentemente da súa condición física ou idade, o importante e que a cidadanía cada vez sexa mais consciente dos beneficios de levar unha vida activa e encontre nas andainas un medio para conseguilo”.

As andainas parten e rematan dos Centros de Saúde de Ames, situados na Travesía do Pedregal, en Bertamiráns, e na Avenida do Porto, en Milladoiro. Son circulares, de dificultade media baixa e percorren zonas urbanas, facendo especial fincapé nos parques, espazos arborados e beiras de ríos. A Ruta da Mulleres Marabillosas, inaugurada este ano co gallo do Día da Muller, é un dos roteiros incluídos neste programa.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Vuelven las rutas saludables de cada jueves en Bertamiráns y O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Andainas saudables nas urbes durante unha hora"

Andainas saudables

Multimedia

  • Calendario de andainas en Milladoiro
  • Calendario de andainas Bertamiráns