Solapas principales

Volven ás bibliotecas municipais as sesións de contacontos para os máis pequenos

Lunes, 07 de octubre de 2024

Dende hoxe, 7 de outubro, está aberto o prazo para inscribirse nunha nova sesión de animación á lectura que ofrecen as bibliotecas municipais de Ames para a cativada. Nesta ocasión, trátase dun contacontos pensado para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, que terá lugar en tres quendas na biblioteca do Milladoiro. Para participar é necesario anotarse enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal ou chamando ao números 981 530 807. As inscricións para as sesións do mes de outubro en Bertamiráns están pechadas.

“Animais que mudan” é a nova proposta do departamento de Bibliotecas do Concello de Ames dentro da súa programación do outono. Trátase de seis sesións de contacontos para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos que se desenvolverán os días 8, 9 e 10 de outubro na biblioteca de Bertamiráns e os días 15, 16 e 17 na biblioteca do Milladoiro. Todas as sesións terán lugar ás 17:30 horas.

As inscricións para as sesións do mes de outubro en Bertamiráns están pechadas, pero aínda é posible participar nas do Milladoiro. Neste caso, as inscricións deberán facerse entre o 7 e o 11 de outubro, chamando ao 981 530 807 ou enviando un correo a biblioteca@concellodeames.gal.

Así mesmo, neste mes de outubro tamén se celebrará o sorteo dos gañadores da campaña de animación á lectura Superlectores 2024, que se iniciou no mes de abril con motivo do Día do Libro. Os agasallos entregaranse o 24 de outubro, Día da Biblioteca. Con motivo da celebración desta data tan sinalada, as bibliotecas de Ames tamén repartirán os marcapáxinas conmemorativos coas ilustracións das gañadoras da primeira e segunda categoría do concurso de debuxo infantil do Día do Libro 2024.

Sesións de contacontos para crianzas de 3 a 8 anos
A proposta do mes de novembro será “Contos montruosos”, que se desenvolverá os días 12, 13 e 14 en Bertamiráns e o 26, 27 e 28 de novembro o Milladoiro. Neste caso, as inscricións abrirán do 4 ao 9 de novembro para a actividade en Bertamiráns e do 18 ao 23 de novembro para a sesión no Milladoiro.

Xa en decembro as sesións “Nadal entre contos” terán lugar o 3, 4 e 5 en Bertamiráns e os días 17, 18 e 19 no Milladoiro. As inscricións para participar na sesión de Bertamiráns estarán abertas do 25 ao 30 de novembro. Pola súa banda, para Milladoiro poderase realizar a inscrición do 9 ao 14 de decembro.

Obradoiros para a rapazada de 3º a 6º de primaria
Ademais das sesións de narrativa oral, as bibliotecas organizan tamén dous obradoiros para as crianzas de 3º a 6º de primaria. Neste caso, as propostas celebraranse sempre os venres ás 17:00 no Milladoiro, e os sábados ás 11:30 horas en Bertamiráns.

O mes de setembro comezou cun “Obradoiro de cómic” da man de Santy Gutiérrez, que se celebrou o venres 27 no Milladoiro e o sábado 28 en Bertamiráns.

Co gallo da celebración do Día da Biblioteca o 24 de outubro, o taller literario “O meu caderno de lecturas” terá lugar o venres 25 no Milladoiro e o sábado 28 en Bertamiráns. As inscricións para esta actividade poderán realizarse para ambas bibliotecas do 14 ao 22 de outubro.

Xa no mes de novembro, con motivo do Día Mundial da Ciencia que se celebra o 10 deste mes, as bibliotecas municipais acollerán un obradoiro centrado na robótica e a electrónica. As datas serán anunciadas proximamente.

Para concluír as propostas de animación á lectura, en decembro terá lugar un obradoiro de manualidades de Nadal, que se celebrará o venres 13 no Milladoiro e o sábado 14 en Bertamiráns. As inscricións neste caso poderán realizarse do 2 ao 10 de decembro.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames retoma os contacontos nas bibibliotecas municipais"

Volven ás bibliotecas municipais as sesións de contacontos para os máis pequenos

Multimedia

  • Sesións de contacontos "Animais que mudan" na biblioteca de Bertamiráns
  • Sesións de contacontos "Animais que mudan" na biblioteca do Milladoiro