Solapas principales

We Robots Academy e SOMA Centro de Terapia Integral son as empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa

Lunes, 19 de diciembre de 2022

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este sábado pola tarde a Gala de entrega da quinta edición dos premios Lingua e Empresa organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística. As empresas galardoadas foron We Robots Academy, de Bertamiráns, na categoría de uso consolidado da lingua galego, e SOMA Centro de Terapia Integral, do Milladoiro, na categoría de empresas que naceron nestes dous últimos anos ou que incorporaron a lingua galega na súa comunicación nese mesmo período. Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron un trofeo e un diploma, que se engade á dotación de 1500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba a cada categoría. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de imaxes da Gala Lingua e Empresa.

A regueifeira Lupe Blanco e mais o regueifeiro Josinho da Teixeira conduciron e amenizaron coas súas coplas improvisadas a Gala Lingua e Empresa, celebrada o pasado sábado, 17 de decembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Foi un evento moi divertido, participativo e ameno no que os artistas fixeron rir, reflexionar e regueifar ao público asistente.

Ao acto acudiron o alcalde, Blas García, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e varios/as concelleiros/as da Corporación municipal. Ademais, de público xeral e dos membros do xurado, na gala estiveron representantes das 26 empresas participantes nesta edición, das empresas gañadoras e participantes en edicións anteriores, e das asociacións de empresarios e comerciantes de Ames que colaboraron activamente na difusión desta convocatoria.

Poñer en valor o tecido empresarial local xunto coa lingua galega
O obxectivo da gala Lingua e Empresa foi poñer en valor o tecido empresarial local xunto coa lingua galega. Ademais aproveitouse o acto para desvelar e entregar os premios deste ano e para recoñecer publicamente o labor das empresas participantes e das gañadoras noutras edicións. Desde o Concello de Ames concíbese a gala como un espazo de encontro e de intercambio de experiencias entre empresas amesás que teñen presente as vantaxes competitivas que lles pode achegar a lingua galega na súa comunicación.

Os premios Lingua e Empresa teñen o obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do Concello de Ames, concretamente no ámbito empresarial e comercial. Este ano presentáronse ao certame un total de 26 empresas, unha cifra que triplica a participación da edición anterior.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, destacou e agradeceu o traballo e labor das 26 empresas que se presentaron a quinta edición do Premios Lingua e Empresa. “Sodes imprescindibles para o futuro do idioma, mais do que se trata é de visibilizar o importante que é o galego para os vosos negocios. Queda patente que a nosa lingua é unha aposta real e segura. A sociedade amesá non só acepta, senón mesmo demanda e, desde logo valora, que as empresas empreguedes a nosa lingua. O éxito da traxectoria deste premio significa que cada vez máis empresas amesás concibides o idioma galego como un valor engadido nos vosos negocios. É unha marca de identidade do voso traballo e debe selo tamén da calidade que alcanzan as empresas do noso concello”.

Ademais, Escarlata Pampín engadiu que “o que pretendemos co premio é recoñecer e visibilizar o traballo que estades facendo empresas, comercios e hostalaría, que de forma consciente escolledes o uso da lingua galega para a vosa actividade diaria. Sodes o espello no que mirarse moitas empresas e negocios que naceron e nacerán no noso concello. É un pracer ver que o galego está ligado a propostas e proxectos tan ilusionantes e de tanta calidade”.

O alcalde, Blas García, atreveuse cunha regueifa “Ames é un concello bonito, ao que lle temos apego, e por iso defendemos, sempre o idioma galego”. A continuación destacou que “estes actos son moi importantes porque o uso do galego beneficia ás empresas, dado que fixa unha identidade de marca de calidade e crea unha boa relación de proximidade coa clientela. Aquí temos representantes de 26 empresas, pero en Ames hai entre 2.600 e 2.800 empresas polo que hai moitos negocios que teñen que apostar polo galego. Hoxe é un día de poñer en valor o idioma e quero agradecerlle a estas 26 empresas esa valentía de defender o galego e de traballar con el no día a día”.

Empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
Na categoría A, de uso consolidado da lingua, na que participaron empresas que realizan un uso estable e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos, a empresa escollida polo xurado foi We Robots Academy de Bertamiráns, polo seu labor decidido e comprometido a prol da normalización lingüística no eido empresarial. O xurado destacou que a actividade desta empresa vincula a lingua coas novas tecnoloxías e, particularmente, cun ámbito tan innovador e atractivo para o público infantil e mozo como é o da robótica, a programación ou a impresión 3D. Por este motivo, We Robots Academy pode ter un impacto importante na normalización lingüística da infancia e da mocidade. A aposta desta empresa sitúa a lingua galega como elemento de marca, na cerna do produto e da súa relación coa clientela. Nesta categoría participaron un total de 15 empresas.

Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período. A empresa premiada foi SOMA Centro de Terapia Integral do Milladoiro, por incorporar a lingua á súa actividade de maneira regular, coherente e implicada, apostando claramente polo galego tanto na comunicación coma no desenvolvemento dos servizos que ofrece a familias, a nenos e a nenas, a mocidade e a poboación adulta. Esta empresa de nova creación incorpora a lingua, decididamente desde o inicio, nun ámbito tan necesario e importante como é o da saúde e do benestar persoal. Ademais, asocia a lingua a modelos educativos e terapéuticos diferentes e innovadores. Nesta categoría concorreron 11 entidades.

Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron un trofeo de artesanía galega e un diploma, que se engaden á dotación de 1500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba a cada categoría.

Vicente Calvo Pazos, representante de We Robots Academy, agradeceu o premio e destacou que crearan a empresa como moitas ganas e ilusión e que desde o primeiro momento tiveron claro que quería transmitir os coñecementos tecnolóxicos que imparten empregando como instrumento vehicular a lingua galega.

Pola súa banda, Xisela Delgado Caseiro, representante de SOMA, Centro de Terapia Integral, agradeceulle ao concello a iniciativa, e indicou que eles apostaron desde o primeiro día por usar o galego con normalidade e como marca de empresa. Dedicoulle o premio a seus pais por seren eles quen lle inculcaron o amor pola lingua e a cultura galegas.

O xurado, que tivo a difícil labor de escoller ás empresas gañadoras, estivo formado por Adrián Cunha Veira, de Pixelin Photo, como representante das empresas gañadoras na pasada edición; Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en nome dos consumidores e consumidoras; e Rocío Loureiro, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista en Normalización Lingüística. A técnica municipal, Rosa Moreiras, actuou como secretaria en representación do Concello de Ames. Adrian Cunha expresou a dificultade da escolla, dado que todas as empresas candidatas merecerían ser premiadas, deulles os parabéns a todas as participantes e animou a todo ámbito empresarial e comercial a que sumen o galego ao seus negocios dado que, a pesar dos pequenos atrancos que poden atopar para encontrar algúns materiais ou programas na nosa lingua, o galego sempre suma.

Ademais, os membros do xurado quixeron expresar conxuntamente o seu recoñecemento a todas as empresas participantes nesta edición e nas anteriores. Sexa a que for a súa dimensión e traxectoria, realizan un valioso labor en favor do uso normal da nosa lingua no ámbito socioeconómico, asociándoa á calidade dos seus produtos e servizos e creando espazos de relación en galego para garantir os dereitos dos consumidores e consumidoras, ao cabo a veciñanza amesá.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "We Robots e SOMA levaron o premio Lingua e Empresa"

La Voz de Galicia: "We Robots y el centro de terapia Soma ganan los Premios Lingua e Empresa de Ames"

O premio busca animar ás empresas do Concello a que comuniquen en galego

Multimedia

  • We Robots Academy e SOMA Centro de Terapia Integral son as empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
  • We Robots Academy e SOMA Centro de Terapia Integral son as empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
  • We Robots Academy e SOMA Centro de Terapia Integral son as empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
  • We Robots Academy e SOMA Centro de Terapia Integral son as empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
  • We Robots Academy e SOMA Centro de Terapia Integral son as empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
  • We Robots Academy e SOMA Centro de Terapia Integral son as empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
  • We Robots Academy e SOMA Centro de Terapia Integral son as empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
  • We Robots Academy e SOMA Centro de Terapia Integral son as empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for