Solapas principales

A X edición do Millarock triunfou a pesar do verán frío e marcado pola pandemia

Martes, 03 de agosto de 2021

A décima edición do festival Millarock tivo lugar o pasado venres, 30 de xullo, no Milladoiro. Ao longo da noite, pasaron polo escenario os grupos Desequilibrio Mental, Terbutalina e Bala. Tras un ano de parón pola Covid, o Millarock foi acollido por un público moi entregado. Organizado pola concellaría de Cultura do Concello de Ames, este evento musical xurdiu co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames.

Un ano máis, á festa do rock do Milladoiro conseguiu esgotar os convites en poucas horas. A pesar de coincidir nunha xornada fría para o mes de xullo e marcada polas restricións de aforo, houbo unha gran afluencia de público. Os concertos comezaron ás 21.00 horas, co obxectivo de que as familias con nenas e nenos pequenos tamén puidesen achegarse ao concerto.

O grupo compostelán Desequilibrio Mental formouse no ano 2002 co afán de acercar o rock e o metal ao público mediante a lingua galega. Desequilibrio Mental ten ás súas costas un gran número de concertos e de festivais e alá onde vai sorprende co seu potente directo.

Terbutalina somérxese no garage punk dende o ano 2010. O quinteto destaca polas súas letras cheas de humor, retranca, irreverencia e textos politicamente incorrectos. Os de Muros converteron o seu directo nunha auténtica festa.

Por último, o grupo composto por mulleres, Bala, presentou o seu novo albume “Maleza”. Bala formado por Ánxela Baltar e Violeta Mosquera, en 2014, converteuse en toda unha sensación no mundo do punk rock. Agitar, un dos seus singles máis famosos, é un habitual das listas dos 40 Principales e Europa FM.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca “a boa acollida que tivo a décima edición do Millarock que volveu a contar cunha boa afluencia de público a pesar da situación sanitaria e do mal tempo. Seguiremos traballando para incluír novas actividades para o que será a undécima edición deste festival, que xa está consolidado dentro do panorama musical galego”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Desequilibrio, Terbutalina e Bala puidéronlle ao frío"

Revista AmesGO: "Un Millarock distinto pero exitoso"

Compostela 24 horas: "A X edición do Millarock triunfou a pesar do verán frío e marcado pola pandemia"

Millarock

Multimedia

  • Millarock
  • Desequilibrio Mental
  • Millarock
  • Millarock
  • Millarock
  • Millarock
  • Millarock
  • Millarock