- Tematica
A programación do Apego continúa ao longo do mes de febreiro co concerto “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, o novo proxecto de Pakolas, que estará na Casa da Cultura de Bertamiráns o vindeiro venres 7 de febreiro, ás 18.00 horas. As persoas interesadas en asistir a esta actividade, poderán facelo dende hoxe venres, 31 de xaneiro, ata o vindeiro día 6 de febreiro. Para inscribirse, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.
Xa está aberto o prazo para inscribirse nunha das vindeiras actividades do programa Apego, o concerto “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, o novo proxecto de Pakolas. O artista, especializado no mundo da música infantil, presenta un novo traballo cheo de humor no que o eixo central xira arredor da importancia de consumir elementos ecolóxicos para así coidar e preservar o medio ambiente.
O espectáculo terá lugar o vindeiro venres 7 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Dirixido para un público familiar, a través das cancións e a narración da historia de Ecoralia, as crianzas poderán gozar do mellor rock infantil ao mesmo tempo que toman conciencia da importancia de coidar o medio ambiente, combater o cambio climático e garantir o benestar animal.
O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, venres 31 de xaneiro, ata o vindeiro 6 de febreiro. As persoas interesadas en asistir, deberán enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto. Cómpre destacar que non se admitirán inscricións fóra da data indicada e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.