Solapas principales

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade de Guadi Galego e Guillerme Fernández “Arrolos de salitre”

Miércoles, 30 de abril de 2025

O programa do Apego continúa coa súa programación de actividades para as crianzas amesás neste vindeiro mes de maio. Desta volta, co obradoiro de cantos de berce “Arrolos de salitre”, de Guadi Galego e Guillerme Fernández, que se desenvolverá o vindeiro venres 9 de maio, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, mércores 30 de abril, ata o vindeiro xoves día 8 de maio. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O proxecto Apego continúa coa súa programación de actividades no mes de maio. Nesta ocasión, cunha actividade de cantos de berce a cargo de Guadi Galego e Guillerme Fernández, no que as familias poderán aprender diferentes melodías para aloumiñar ás crianzas a través de cantos e música en galego.

A través deste obradoiro, impartido por dous recoñecidos artistas do panorama musical galego, as crianzas achegaranse ao poder emocional das nanas para coñecer, a un tempo, lingua e música. Esta actividade é de balde e está dirixida a un público familiar.  

“Arrolos de salitre” nace do disco publicado no 2010 por Xabier Díaz e Guillerme Fernández baixo o mesmo nome. Neste traballo, ambos artistas recompilan diferentes arrolos do cancioneiro tradicional, xunto con outros de creación propia, construídos tamén en base a ese substrato popular.

O prazo de inscrición para esta actividade está aberto ata o xoves día 8 de maio. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 3 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade de Guadi Galego e Guillerme Fernández “Arrolos de salitre”

Multimedia

  • Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade de Guadi Galego e Guillerme Fernández “Arrolos de salitre”