- Tematica
As actividades do programa Apego continúan neste mes de febreiro, desta volta co concerto didáctico “Rosalía Cantareira” de Jara Ortiz, que terá lugar o vindeiro venres 14 de febreiro ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición para participar nesta actividade está aberto dende hoxe, 6 de febreiro, ata o xoves 13. Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un número de teléfono de contacto.
A programación Apego non se esquece de Rosalía de Castro no mes da poeta. Desta volta, as crianzas descubrirán a parte máis musical da autora a través do concerto didáctico “Rosalía Cantareira” de Jara Ortiz, no que se achegarán ás súas composicións inspiradas na música popular e cantarán algúns dos seus poemas.
A actividade terá lugar o vindeiro venres 14 de febreiro ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Será gratuíta e diríxese a un público familiar.
O prazo para anotarse nesta actividade está aberto desde hoxe, xoves 6 de febreiro, ata o vindeiro día 13 de febreiro. Para realizar a inscrición, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome da actividade, os nomes e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas que van participar e un teléfono de contacto. As prazas asignaranse por rigorosa orde de recepción de solicitude.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.