- Tematica
Ata o vindeiro 27 de maio as persoas interesadas poden inscribirse nos obradoiros de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, que busca aproximar á veciñanza á lingua e á cultura galegas, así como favorecer a cohesión social e a integración das persoas procedentes de fóra de Galicia. Bertamiráns e O Milladoiro acollerán cadanseu obradoiro de case un mes de duración, con sesións de dúas horas nas mañás dos luns, mércores e xoves. As inscricións, de balde, poden realizarse de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941.
O obradoiro “En galego, co teu acento!” volve un ano máis para achegar a lingua e a cultura galega a unha parte da veciñanza procedente de fóra de Galicia ou que, por diferentes motivos, non tivo oportunidade de coñecela. Coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, o curso está dirixido principalmente a persoas procedentes de fóra de Galicia, pero tamén a calquera outra persoa interesada na lingua e na cultura galega.
O curso, práctico e participativo, ten unha duración de 30 horas e desenvolverase en horario de mañá, os luns, os mércores e os venres, en sesións de dúas horas. Primeiro será a quenda de Bertamiráns, que celebrará o obradoiro dende o 3 ao 27 de xuño, no Pazo da Peregrina, das 9:30 ás 11:30 horas. No Milladoiro, o obradoiro desenvolverase do 1 ao 24 de outubro, na Casa da Cultura, das 9:30 ás 11:30 horas. Ao remate das sesións entregarase un diploma de asistencia.
¿Como inscribirse?
As persoas interesadas no obradoiro de lingua e cultura, “En galego, co teu acento!” poden inscribirse de balde na actividade dende hoxe ata o 6 de marzo. As inscricións formalizaranse entre as 9.00 e as 14.00 horas no Servizo de Normalización Lingüística municipal, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou na oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes situada nas Oficinas Xerais do Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10). Quen non poida achegarse de xeito presencial, pode inscribirse chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.