- Tematica
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan a VI edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre que, desta volta, celebrarase o vindeiro 23 de febreiro. A hora de saída do trail será ás 10.00 horas desde Ponte Maceira, mentres que cinco minutos máis tarde, ás 10.05, e desde o mesmo punto de partida, comezará a andaina. O prazo de inscrición estará aberto ata o 19 de febreiro e pode facerse a través da seguinte ligazón. Nesta proba poderá participar calquera deportista, sexa ou non federado.Pódese consultar as bases e regulamento da proba na seguinte ligazón.
O Concello de Ames, xunto coa Federación Galega de Atletismo, organizan unha nova edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebrará o vindeiro 23 de febreiro. A proba, enmarcada dentro da especialidade atlética do Trail-Running, conformará parte do Galicia Trail Running e, ademais, será o I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
Deste xeito, Ponte Maceira volve a ser un ano máis o punto de partida deste evento deportivo, tanto para o trail como para a andaina. Os participantes do trail, cunha distancia de 16 quilómetros, sairán ás 10.00 horas, mentres que os da andaina, que terán que percorrer unha distancia de 15 quilómetros, sairán cinco minutos máis tarde, ás 10.05 horas. A meta para todas as probas será no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións da Ameixenda.
Así mesmo, tamén haberá unha proba de trail curto, cunha distancia de 8 quilómetros, e que terá o seu punto de saída na praia fluvial de Tapia, ás 10.25 horas. Os participantes en calquera das tres probas serán trasladados en autobús desde o Real Aeroclub de Santiago (o punto establecido para a meta) ata os seus respectivos puntos de saída (Ponte Maceira ou Tapia), a partir das 8.15 horas.
Hai que ter en conta que, para estas probas, establécese un tempo de corte máximo. No caso do trail longo, é de 1 hora e 15 minutos desde a saída (ata as 11.15 horas), e para a andaina, de 2 horas desde a saída ( ata as 12.05 horas). Os participantes que non completen a proba no tempo establecido, serán retirados da competición e trasladados ata o punto de meta.
Participación, categorías e recollidas de dorsais
Neste evento deportivo poderá participar calquera deportista, sexa ou non federado. Todos os participantes, tanto nos trails como na andaina, concorrerán cunha licenza de día de Trail Running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e tamén de responsabilidade civil. Os deportistas federados estarán cubertos polo seguro da súa correspondente licenza.
Cómpre destacar que todos os atletas que participen no Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic deberán realizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón. No caso de querer optar aos premios da proba popular, deberán de inscribirse a través da páxina web de carreiras galegas como o resto de participantes.
En canto ás categorías, no trail longo haberá catro: senior masculino e feminino (dos 18 ata os 34 anos); master 1 masculino e feminino (de 35 a 49 anos cumpridos o día da proba); master 2 masculino e feminino (de 41 a 49 anos), e master 3 masculino e feminino (persoas con máis de 50 anos). Para o trail curto, establécense tres categorías: senior masculino e feminino (persoas nadas no 2007 e anteriores); sub 16 masculino e feminino (nados entre o 2010 e 2011), e sub 18 masculino e feminino (nados entre 2008 e 2009).
No caso da andaina, non se establecen categorías de participación mais a idade mínima de participación é de 12 ano. Os menores que participen na andaina, deberán de ir acompañados en todo momento por unha persoa adulta maior de 18 anos.
As inscricións estarán abertas ata o mércores 19 de febreiro e o prezo para participar son de 7 euros para a andaina e trail curto, mentres que para o trail longo é de 11 euros. A recollida dos dorsais será o propio día da proba a partir das 08.15 horas nas instalacións amesás do Real Aeroclub.
Premios e agasallos
Haberá premios para os tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría nos trails, ademais de premios para os tres primeiros equipos federados. Na mesma liña, todos os participantes das probas recibirán un agasallo técnico (que se poderá recoller xunto co dorsal de competición antes de coller os autobuses). A entrega de premios realizarase a partir das 12.45 horas nas instalacións do Real Aeroclub.