Solapas principales

Xa está en funcionamento o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro

Domingo, 23 de junio de 2024

Esta semana o concelleiro de Turismo e alcalde de Ames, Blas García, visitou o punto de atención ao peregrino e de información turística. Este punto comezou a funcionar por segundo ano consecutivo o pasado 15 de xuño, e estará aberto ata o 15 de setembro.  Esta iniciativa xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. O seu obxectivo é acoller e prestar atención e información ás/aos peregrinas/os e persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas sobre os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.

O alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, visitou esta semana xunto á técnica municipal de Turismo, Sonia Moure, e a ecónoma da Asociación e xerente do Albergue do Milladoiro, Eugenia González, o punto de atención ao peregrino e de información turística inaugurado o 15 de xullo do ano pasado.  

Como novidade, este ano o servizo conta con dúas localizacións: o vestíbulo da Casa da Cultura do Milladoiro e a caseta situada a carón da área de autocaravanas. Esta caseta atópase na contorna da Travesía do Porto, por onde discorre o trazado do Camiño Portugués. Ademais, nesa zona atópase o B&B Hotel Santiago Milladoiro, que foi inaugurado recentemente na rúa Palmeiras, no parque empresarial Novo Milladoiro, fronte á cafetería Central, polo que poderá facilitar información aos turistas que se aloxen alí.

O concelleiro de Turismo e alcalde de Ames, Blas García, explicou que “este ano cumprimos co compromiso de ampliación do servizo, estendéndoo desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro, e dividíndoo entre a Casa da Cultura e a área de autocaravanas”. Sinalou que esta bifurcación correspóndese “cos momentos de maior afluencia en ambas instalacións, polo que deste xeito poderemos ofrecer un mellor servizo tanto aos peregrinos como aos autocaravanistas e turistas que se acheguen ata aquí”.

Pola súa banda, a xerente do Albergue do Milladoiro e ecónoma da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, Eugenia González, salientou que “ademais de ofrecer información aos peregrinos e dar un servizo á comunidade, este punto permítenos desde ASCAMPOR seguir apoiando o emprego xuvenil, ofrecéndolles unha primeira oportunidade no mundo laboral”.

Punto informativo aberto do 15 de xuño ao 15 de setembro
Este punto de información vai estar atendido por Daniel Lorenzo Estévez e Antonio Llecha, dous rapaces que participan no programa "Iniciativas sociais no Camiño" da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, entidade coa que o Concello de Ames chegou a un acordo o ano pasado para poñer en marcha este punto de atención ao peregrino.  

Este servizo estará operativo desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro, un mes máis que o pasado verán. Ademais, os horarios divídense en dous puntos. De 10:00 a 13:30 horas, o punto de atención situarase no vestíbulo da Casa da Cultura do Milladoiro, co obxectivo de ofrecer unha mellor atención aos numerosos peregrinos que fan o Camiño Portugués. Xa pola tarde, entre as 16:00 e as 19:30 horas, o servizo trasladarase á caseta situada a carón da área de autocaravanas, para atender as demandas de información das persoas usuarias deste espazo.

O obxectivo é acoller, prestar atención e facilitar información ás/aos peregrinas/os e ás  persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas, así como difundir entre os residentes, visitantes e turistas os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.

Colaboración con ASCAMPOR
Esta iniciativa nace froito da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. ASCAMPOR é unha asociación privada sen ánimo de lucro que fixa os seus obxectivos na divulgación da peregrinación a Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago. Da colaboración da Asociación coa parroquia de San José do Milladoiro na atención aos peregrinos naceu o proxecto social Albergue Milladoiro que se inaugurou o pasado 10 de marzo de 2017.

Esta asociación ten como obxectivos a promoción do Camiño de Santiago e toda a súa contorna como elemento dinamizador dunha acción social, vinculada ás necesidades concretas do territorio; e maila acollida do peregrino. Tendo en conta estes obxectivos desenvolven un proxecto de inclusión social e primeiro emprego, a través do cal puxeron en marcha en 2017 o albergue do Milladoiro e agora o punto de atención ao peregrino e de información turística, en colaboración co Concello de Ames.

Xa está en funcionamento o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro

Multimedia

  • Xa está en funcionamento o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro
  • Xa está en funcionamento o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro