Solapas principales

Xa podes votar polo/a mellor deportista de Ames 2024, que recibirá o premio do público na XVII Gala do Deporte

Jueves, 24 de abril de 2025

Dende hoxe e ata o vindeiro 7 de maio está aberto o prazo para votar polo/a mellor deportista de Ames do ano 2024, a través dunha enquisa que se pode atopar premendo nesta ligazón. A finalidade desta iniciativa é a participación da veciñanza nun dos premios que se entregarán na XVII Gala do Deporte. O evento celebrarase o venres 9 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, e nel daranse a coñecer tamén os/as gañadores/as do resto de galardóns.

Un ano máis, a Concellaría de Deportes está organizando unha nova edición da Gala do Deporte, que se celebrará o vindeiro 9 de maio, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Novamente, a veciñanza amesá será a encargada de decidir o/a gañador/a dun dos premios: o/a mellor deportista de Ames durante o ano 2024. Poderán facelo votando a través desta enquisa.

Candidatos/as a mellor deportista de Ames 2024
Nesta ocasión, optan ao galardón seis deportistas. Dunha banda, Tariku Novales Quinteiro, atleta especialista en probas de fondo e media distancia. Foi un dos 7 deportistas galegos convocados polo Comité Olímpico Español, a través da Real Federación Española de Atletismo, para os Xogos Olímpicos de París despois de obter a marca mínima "A" batendo en 2023 o récord histórico de España de maratón en Valencia, sendo o primeiro deportista nacional en baixar das dúas horas e seis minutos, fixando o novo récord de España en 2 horas 5 minutos e 48 segundos. Os resultados máis destacados do 2024 foron un 5º posto no medio maratón internacional de Madrid e o magnífico posto de finalista na maratón de París nos Xogos Olímpicos.

Tamén é candidata ao premio Nuria Rábano Blanco, futbolista profesional que xogou na tempada 2023-2024 como lateral esquerdo no VfL Wolfsburgo da Bundesliga (máxima categoría alemá) e na Champions League. Co VfL Wolfsburgo foi campioa da Copa e subcampioa da Liga e Supercopa alemá, xogando a maioría dos partidos en todas as competicións.

O terceiro candidato é Guillermo Carracedo Robelo. Durante o ano 2024 acadou os seguintes resultados na modalidade de padle surf: 5º clasificado no Campionato do mundo individual ISA, subcampión do mundo coa Selección Española no mundial ISA, campión de España e campión Galego 2024.

Así mesmo, tamén se pode votar por Blanca Millán Modía, que é unha xogadora de baloncesto de 1,85 de estatura, e xoga na posición de escolta no Baxi Ferrol da Liga Femenina de baloncesto (LF ENDESA), máxima categoría do baloncesto feminino español. Xoga na posición de escolta e promedia nesta tempada 2024-25, 21,5 minutos, 10 puntos, 4,2 rebotes e 2,3 asistencias por partido. Tamén está a participar, nesta tempada, na Copa Europea Feminina da FIBA 2024-25.

Outro dos candidatos é Pablo Hernández Montenegro, xogador de baloncesto que na tempada 2023-24 xogou nas filas do Club Básquet Coruña da Liga LEB Ouro disputando 26 partidos cunha media de 7 minutos 21 segundos por partido, quedando o equipo 1º clasificado e ascendendo á ACB. Con 2,01 metros de estatura, xoga nas posicións de aleiro e ala-pivote e actualmente xoga no Palencia Baloncesto da LEB Ouro.

O xogador de fútbol Hugo Novoa Ramos é outro dos nominados. Actualmente xoga no Deportivo Alavés da Primeira División de España. Tras o seu paso polo filial do Villarreal C.F. na tempada 2023-2024, foi traspasado ao Deportivo Alavés en xullo de 2024. Nesta tempada, con 22 anos, leva disputados 5 partidos de liga co seu equipo na Primeira División, a categoría máis alta do fútbol español.

O prazo para votar polo/a mellor deportista estará aberto ata o mércores, 7 de maio. O premio do público será entregado na propia gala, como en edicións anteriores, xunto cos demais galardóns.

Xa podes votar polo/a mellor deportista de Ames 2024, que recibirá o premio do público na XVII Gala do Deporte