A Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames, organizou a cuarta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames. O obxectivo deste certame é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. A esta edición presentáronse un total de 52 fotografías, repartidas entre as tres categorías existentes (paisaxe, patrimonio e artística). Nesta edición creouse a categoría patrimonio e suprimiuse a categoría macro. O xurado, que estivo composto por catro persoas (dúas achegadas polo Concello e outras dúas por XEA), encargouse de elixir as nove mellores fotografías. Os/as premiados/as foron notificados/as mediante chamada telefónica.
O xurado, como no ano anterior, estivo composto por 4 persoas: dúas escollidas por XEA (Adrián Cunha, de Pixelin Photo; e Jorge López, vogal de XEA e responsable da empresa Biosbardos Animación), e outras dúas en representación do Concello de Ames (as técnicas de Turismo, Sonia Moure, e de Medio Ambiente, Patricia Reboreda). Tralo ditame, xa se coñecen as fotografías gañadoras da cuarta edición do concurso Enfoca Ames.
Na categoría artística, o primeiro premio foi para Paula Castiñeiras Olveira, coa instantánea “Lavandeira”. O segundo premio recaeu en Marina Conde Iglesias, coa obra “Asoma Ourizo”, e o terceiro premio foi para Pablo Blanco Teijido, coa fotografía “Rosalía”. Nesta categoría, na que se permite a posibilidade de editar e manipular a captura orixinal, co obxectivo de dotala dun aspecto máis subxectivo e surrealista, presentáronse 19 fotografías.
Na categoría paisaxe, o primeiro premio foi para Rosa María Taboada Rey, coa foto “Outono no río Tambre”. O segundo premio recaeu en Amparo Portabales Dobaño, coa obra “Ledicia”; mentres que o terceiro premio foi para Víctor Piñeiro Galego, coa instantánea, “Campos de millo”. Nesta categoría presentáronse 16 fotografías, que debían mostrar os espazos do mundo que adoitan captar a presenza da natureza, pero tamén podían centrarse en características creadas polo home ou perturbacións das paisaxes.
Por último, na categoría patrimonio o primeiro premio foi para Víctor Piñeiro Galego, coa obra “Ponte Maceira”. O segundo premio recaeu en Pablo Blanco Teijido, coa fotografía “A herba”; e o terceiro premio foi para Carlos Abal Lobato cuxa obra non ten título. Nesta categoría, na que a fotografía debía recoller o patrimonio material (igrexas, cruceiros, pontes, muíños, etc) ou inmaterial (tradicións ou expresións vivas, verbenas, romarías, etc.) do noso concello, presentáronse 17 fotografías.
Os premios serán entregados o domingo, 24 de novembro, ás 13.00 horas, en Trasmonte, durante o transcurso da Feira Tanto Monte, Monte Tanto. Entregaranse nove cheques (un por cada premiado das tres categorías) para gastar nos comercios asociados á XEA. O primeiro premio é de 100 euros, o segundo de 50 euros e o terceiro de 25 euros. Ademais, como novidade desta cuarta edición, as persoas premiadas recibirán un galardón deseñado e elaborado pola empresa amesá, Pousada Laser. As persoas premiadas xa foron notificadas mediante chamada telefónica.