- Tematica
A Concellaría de Normalización Lingüística vén de facer pública a listaxe de persoas gañadoras da décimo novena edición do Certame Literario de Ames. A profesora e escritora María López Sández, o poeta e profesor Ismael Ramos e o profesor e crítico literario Armando Requeixo, os tres veciños e veciñas de Ames, elixiron os galardóns entre os 153 traballos presentados nesta edición de 2022. A entrega de premios terá lugar este venres 13 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Preme aquí para consultar a acta da reunión do xurado, cos nomes das persoas premiadas e os títulos das obras.
O xurado da décimo novena edición do Certame Literario de Ames vén de acordar de maneira unánime os textos gañadores nas tres categorías de poesía e narrativa do concurso, que neste 2022 continúa cunha participación similar ao 2021, recibindo 153 traballos polos 155 do ano anterior. Para tomar esta decisión, as tres integrantes do xurado reuníronse o pasado mércores 27 de abril no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, co fin de debater e consensuar as obras premiadas.
Finalmente, os 18 traballos gañadores proceden de once concellos, espallados por toda a xeografía galega. Deste xeito, entre a listaxe de premiadas atópanse obras con orixe en once municipios de Galicia: Ames, Carballo, A Coruña, Moraña, Negreira, Nigrán, Pontevedra, Portas, Rianxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Neste senso, no concello amesán quedan tres galardóns, entre eles os primeiros premios na 1º e 3º categoría de narrativa, así como o segundo posto na 2º categoría de poesía.
A categoría con maior participación, como aconteceu na edición pasada, foi a de persoas de 18 anos ou máis, á que se presentaron 60 traballos en poesía e 51 traballos na modalidade de narrativa. Nas outras dúas categorías, dirixidas a a autores e autoras de menos de 13 anos e de entre 14 e 17 anos, recibíronse 8 candidaturas en cada franxa de idade na modalidade de poesía. Do mesmo xeito, na modalidade narrativa, foron 13 o número de traballos en ambas as dúas categorías. En total, participan no concurso 77 textos narrativos e 76 traballos poéticos.
Tres veciños e veciñas amesás foron as persoas encargadas de revisar e xulgar os textos que participaron nesta XIX edición do Certame Literario de Ames. Trátanse de María López Sández, profesora e escritora; o poeta e profesor Ismael Ramos e o profesor e crítico literario Armando Requeixo. As tres están dedicadas ao mundo da docencia e da creación literaria, e colaboran habitualmente con diversos medios de comunicación.
Novas relacionadas:
Enfoques: "Dieciocho ganadores en el XIX Certamen Literario de Ames"