- Tematica
Xa coñecemos as regueifas premiadas na sétima edición do certame Enreguéifate, o proxecto impulsado polos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega. Como en edicións anteriores, o certame contou con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para o alumnado dos centros educativos galegos non universitarios; e cun total de seis premios en cada unha das categorías: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.
O xurado estivo composto por Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Fátima Souto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro. Valoraron un total de 56 regueifas, 47 delas inscritas na categoría escolar e na xeral.
Estas son os vídeos gañadores, que poden verse na web do certame ou na canle de Youtube:
Categoría xeral:
- A máis brava: ARRIEIRO E CHAMINHO “Cumbia do choque”.
- A máis aguda: ESCOLA DE REGUEIFA DE CARBALLO “Vai de voda”.
- A máis diversa: TEISEIROS REGUEIFEIROS “Regueifa pola saúde mental”.
- A máis reivindicativa: IVÁN E AROA “Regueifa de coidar a terriña”.
- A mellor cantada: GRUPO XUVENIL DA TERCEIRA IDADE DE POIO “Sempre vida”.
- A mellor falada: AS DA MUIÑEIRA “Os deberes”.
Categoría escolar:
- A máis brava: OS MÁIS BRAVOS “Queremos moito ás nosas profes”. Alumnado do CEIP de Bormoio-Agualada (Coristanco).
- A máis aguda: REGUEIFEIRXS DA CHÁ “Regueifando apréndese mellor”. Alumnado do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba).
- A máis diversa: 2o B QUIROGA PALACIOS “O noso Entroido”. Alumnado do CEIP Pluringüe Cardeal Quiroga Palacios (Santiago de Compostela).
- A máis reivindicativa: 6o E.P. CEIPP SANTA MARÍA DO CASTRO “O granulado non é pasado”. Alumnado do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro, Cabo de Cruz (Boiro).
- A mellor cantada: REGUEIFEIRAS DO CAMBALLÓN “A nosa música na nosa voz”. Alumnado do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces).
- A mellor falada: REGUEIFEIROS DE RAZO “Regueifa en Razo”. Alumnado do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo).
O xurado acordou ademais conceder un accésit á Regueifa máis inclusiva a NOA E MARTÍN polo vídeo “Todo isto son mentiras” (IES Antonio Fraguas, Santiago de Compostela).
O 3 de abril terá lugar a entrega de premios nunha gala no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 11.00 horas. O evento estará conducido por Manolo Maseda e Séchu Sende, e polas formadoras do certame Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces, e será un percorrido polas formas de improvisación oral galegas no que non faltará a música en directo.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Bergantiños arrasou no certame Enreguéifate e Cruces, Boiro, Teo e Santiago levaron premio"