[24-08-2018] Xoán Curiel e a Banda Son d2 estarán no Milladoiro co seu espectáculo musical A casa do terror. Esta actuación, que combina cancións, coreografías, elementos teatrais e de clown e moita interacción co público, terá lugar o próximo venres, 31 de agosto, ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. O espectáculo chega ao Milladoiro no marco do programa FalaRedes 2018, da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo promover o uso e a valoración do galego nos concellos que pertencen á Rede de Dinamización Lingüística, como é o caso de Ames.
A casa do terror xira en torno a un grupo de amigos que se ve obrigado a pasar a noite nunha casa encantada, situación que dará pé a unha serie de divertidas e arrepiantes aventuras nas que se porán en valor tanto a amizade como a superación dos medos. Estas andanzas estarán marcadas por unha serie de orixinais personaxes, que farán posible que o medo sexa enfocado dende un punto de vista divertido.
O espectáculo, dirixido a un público infantil, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro o próximo venres, 31 de agosto, ás 18.00 horas. A entrada é de balde, pero haberá que facer a reserva de convites a través da Billeteira virtual do concello de Ames.
Oferta cultural para setembro
Ao longo do mes de setembro continuará a programación cultural Verán´18, que estará marcada pola música, os contos e o teatro. Así, o martes 18 e mais o xoves 20 de setembro chega ao noso concello o espectáculo Avós, de Trinketrinke Teatro, con música, teatro e danza. Será ás 17.30 horas nas bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, respectivamente. Está dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos.
Para pechar setembro, o venres 28, ás 18.00 horas, representarase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, As aventuras de Gale, da man de A Xanela do Maxín. A reserva de convites pódese facer a través da Billeteira electrónica.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Chega a Casa do Terror, de Xoán Curiel a Milladoiro o vindeiro 31 de agosto"
El Correo Gallego: "Xoán Curiel leva a súa "Casa do terror" a Ames "