[23-08-2018] O Concello de Ames informa de que dende onte mércores, 22 de agosto, e durante o prazo dun mes, se poden solicitar as axudas dos programas de fomento de mellora da eficiencia enerxética, sustentabilidade, conservación e accesibilidade das vivendas do Plan estatal de vivendas 2018-2021. A Xunta de Galicia destina máis de 12,3 millóns de euros a estas axudas, dirixidas aos propietarios das vivendas a rehabilitar, as comunidades e agrupacións de propietarios, cooperativas, empresas construtoras ou arrendatarias ou concesionarias de edificios de vivendas. Tamén poderán beneficiarse das subvencións os arrendatarios da vivenda que realicen a rehabilitación de acordo co propietario.
O programa conta con dúas liñas de axudas. Unha delas, A, para financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentación, con especial atención á envolvente edificatoria; e outra, B, dirixida a actuacións de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.
Na liña A considéranse actuacións subvencionables a mellora da envolvente térmica da vivenda ou do edificio, a instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes. Tamén se inclúe a instalación de equipos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables e as actuacións que melloren o cumprimento da normativa técnica en cuestións como o illamento sonoro. Entre as actuacións subvencionables tamén se contemplan as que afecten a elementos cuxo tratamento permita reducir de forma efectiva no interior da edificación a media anual de concentración de radón a niveis inferiores a 300 Bq/m3 ou nas que, sen alcanzar o devandito nivel, se reduza a concentración inicial en, polo menos, un 50%. Ademais, en edificios de residencia colectiva, subvencionarase a mellora da eficiencia enerxética das instalacións comúns de ascensores e iluminación, a mellora do subministro de auga e aforro da mesma ou do saneamento separativo.
Na liña B considéranse actuacións sustentables as relativas á conservación da cimentación, da estrutura, de cubertas e fachadas, a adecuación interior da vivenda unifamiliar, instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade.
Requisitos das vivendas
As vivendas e edificios a rehabilitar deberán estar rematadas antes do 1 de xaneiro de 1996 e constituír a residencia habitual e permanente dos propietarios ou arrendatarios no momento de solicitar a axuda. No caso de actuacións en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva, polo menos o 70% da superficie construída terá uso residencial, excluída a planta baixa e/ou plantas inferiores. Ademais, polo menos o 50 % das vivendas deberán constituír o domicilio habitual das persoas propietarias ou arrendatarias no momento da solicitude.
Contía das axudas
A contía das axudas será, con carácter xeral, do 40 % do custo subvencionable da actuación, podendo chegar ao 75 % nos casos de que os ingresos sexan inferiores a tres veces o Iprem ou de actuacións de accesibilidade se na unidade da convivencia residente na vivenda hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos. As axudas básicas poderán incrementarse en 1.000 euros cando se trata de inmobles declarados Ben de Interese Cultural, estean catalogados ou conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente. Ademais, as axudas incrementaranse nun 25 % cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes. O importe máximo das axudas será, na liña A, de 12,000€ para vivenda unifamiliar e de 8,000€ para vivenda colectiva. No caso de familias con persoa con discapacidade, as axudas serán, como máximo, de 18.000€ e 24.000€ no caso de vivenda unifamiliar e de 12.000€ e 16.000€ para familias con persoa con discapacidade. No caso da liña B, a axuda básica para actuacións de conservación será como máximo de 3.000€, e de 8.000€ para actuacións de seguridade e accesibilidade. Para familias con persoa con discapacidade inclúense contías neste último apartado, que serán como máximo de 14.000€ e 17.000€.
Presentación de solicitudes
Dende onte mércores, 22 de agosto, e durante o prazo dun mes, se poden solicitar as axudas dos programas de fomento de mellora da eficiencia enerxética, sustentabilidade, conservación e accesibilidade das vivendas do Plan estatal de vivendas 2018-2021. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I á resolución, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Os interesados/as deberán dirixirse á área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), onde estea situada a vivenda ou o edificio. As persoas ou entidades obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos, así como as súas persoas representantes, deberán presentar a súa solicitude electrónicamente.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames abre el plazo para pedir ayudas para obras de mejora de las viviendas"