Solapas principales

XEA e o Concello de Ames poñen en marcha a segunda edición do concurso de fotografía Enfoca Ames

Viernes, 13 de mayo de 2022

A Xuntanza de Empresarios de Ames en colaboración co Concello de Ames organizan a segunda edición do concurso de fotografía Enfoca Ames. O obxectivo deste certame é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por cada unha das tres categorías existentes. A participación no concurso é gratuíta. O prazo de entrega das imaxes vai do 13 ao 24 de maio de 2022. As fotografías teñen que ser enviadas por correo electrónico ao enderezo enfocames@gmail.com.

Esta mañá o presidente da asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Jorge López, e mailo concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, presentaron a segunda edición do concurso de fotografía Enfoca Ames. Esta iniciativa está organizada por XEA en colaboración cos departamentos de Medio Ambiente e Turismo do Concello de Ames. Na edición de 2021 participaron máis de 50 persoas, repartidas entre as tres categorías existentes.
 
O obxectivo desta iniciativa é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. Poden participar neste certame todas as persoas residentes en España, maiores de 18 anos, con independencia do seu lugar de orixe. As fotografías teñen que ser orixinais e inéditas, presentando só unha fotografía por categoría. A inscrición no concurso é gratuíta.

As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por categoría. Existen tres categorías diferentes: paisaxe, macro e artística. Na categoría paisaxe a fotografía debe mostrar os espazos do mundo que adoitan captar a presenza da natureza, pero tamén poden centrarse en características creadas polo home ou perturbacións das paisaxes. Na categoría macro a fotografía debe permitir amplificar as cousas que son pequenas a simple vista. Por último, na categoría artística permítese a posibilidade de editar e manipular a fotografía orixinal.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, anima á veciñanza a participar na segunda edición do concurso de fotografía Enfoca Ames. “Este ano agardamos superar os 50 participantes de 2021. Volvemos apostar por un concurso que lle permite á veciñanza coñecer o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello a través da fotografía. Ademais, permite dinamizar o comercio local xa que se van a repartir en total 525 euros en premios. O importe dos premios mantense e repartiranse 175 euros en cada unha das tres categorías para gastar nos comercios asociados á XEA”.

Presentación das obras
A obra/as deberá ser enviada xunto co impreso de inscrición ao correo electrónico enfocames@gmail.com. A Xuntanza de Empresarios de Ames resérvase o dereito a elaborar unha exposición fotográfica coas composicións que participen. Ademais, as persoas participantes darán o seu consentimento para que as composicións enviadas sexan expostas no Instagram Xuntanza Empresarios Ames e no Facebook Xuntanza de Empresarios de Ames co hashtag #enfocames. O prazo de entrega das imaxes vai do 13 ao 24 de maio de 2022.

Premios
As bases recollen a concesión de tres premios en cada unha das tres categorías. O primeiro de 100 euros, o segundo de 50 euros e o terceiro de 25 euros. Os nove premios son cheques para gastar nos comercios asociados á XEA. O resultado do concurso será publicado o día 30 de maio nas páxinas web de XEA e do Concello de Ames. As persoas agraciadas serán notificadas mediante chamada telefónica.

Este ano o xurado estará composto por 4 persoas, unha máis que na edición de 2021. Dos 4 membros do xurado, dous serán aportados por XEA e outros dous polo Concello de Ames. A entrega de premios farase o sábado, 4 de xuño, coincidindo coa celebración da festa da natureza na área recreativa de Tapia.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Retratar os lugares con máis aquel levará premio"

Imaxe da presentación do concurso de fotografía Enfoca Ames

Multimedia

  • Cartel do concurso de fotografía Enfoca Ames