Solapas principales

As Xornadas de Toponimia no Ensino amosan o valor dos nomes de lugar como recurso educativo e ferramenta de dinamización lingüística

Jueves, 19 de septiembre de 2019

O alcalde de Ames, José Miñones, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, participaron na tarde de onte no acto de apertura das I Xornadas de Toponimia no Ensino. Estas xornadas están organizadas polo Concello de Ames e pola Xunta de Galicia e contan coa colaboración da Real Academia Galega (RAG). A iniciativa amosa o valor dos nomes de lugar como recurso educativo e ferramenta de dinamización lingüística e xurdiu a raíz da publicación do traballo Toponimia de Ames, de Xosé Ramón López Boullón, que viu a luz grazas á colaboración do Concello de Ames co Seminario de Onomástica da RAG.

O Concello de Ames e a Secretaria Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da Real Academia Galega (RAG), organizaron unhas xornadas de toponimia dirixidas ao profesorado dos centros de ensino do Concello de Ames. Trátase dunha iniciativa que busca o achegamento, a posta en valor e o aproveitamento dos nomes de lugar como recurso educativo e ferramenta de dinamización lingüística. Nestas xornadas, que comezaron na tarde de onte no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, participan 50 persoas, na súa maioría docentes. Inicialmente ofertábanse 40 prazas pero, dada a demanda existente, decidiuse incrementalas ata 50 para darlle cabida a todas as persoas interesadas.

O acto de apertura das I Xornadas de Toponimia abriuno o alcalde de Ames, José Miñones, que destacou “hai 5 meses presentamos o traballo Toponimia de Ames, do filólogo Xosé Ramón López Boullón. Con esta obra puidemos coñecer a orixe e a historia das nosas parroquias a través dos topónimos. Agora en tres xornadas darase a coñecer a riqueza da toponimia amesá. Son unhas xornadas cun perfil teórico e práctico. Agardamos que estas xornadas vos sirvan, a todas as persoas que hoxe estades aquí, para dar lugar a novos proxectos, a través dunha colaboración que cremos que é básica e que esperemos que se afiance co desenvolvemento desta iniciativa”.

A través destas xornadas divulgarase a riqueza da toponimia amesá para contribuír ao recoñecemento do seu valor como patrimonio inmaterial e sinal de identidade colectiva e de identificación co territorio; achegar o profesorado asistente aos conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos...); coñecer as ferramentas e recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar; aproximarse ás diferentes aplicacións didácticas que pode ter a toponimia, especialmente relevantes en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC, educación física, lingua...; coñecer, deseñar e poñer en común proxectos colaborativos para traballar cos nomes de lugar nos diferentes niveis e áreas de ensino incidindo na conservación e transmisión do patrimonio; e fomentar a través da toponimia a implicación social da comunidade amesá no proceso de normalización lingüística.

Tras a intervención do rexedor municipal, o secretario da Real Academia Galega e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, dixo “entendemos que o traballo de recuperación e estudo da toponimia é unha achega á normalización lingüística. Cremos que a través da recolla, do estudo, a conservación e a difusión da toponimia se fomenta a dinamización pola lingua. É un xeito de afondar nas raíces da lingua e da nosa identidade como pobo, así como no papel que a lingua ten en dita identidade. Aquí temos unha plasmación moi concreta disto. Con esta xornadas aprenderemos moito sobre a nosa contorna máis inmediata e servirán para difundir e estender a nosa toponimia”.

Estas xornadas están dirixidas, preferentemente, ao profesorado dos centros de ensino do Concello de Ames co obxectivo de que sexan o xerme de proxectos colaborativos para traballar en normalización lingüística coa toponimia como un dos eixos transversais. Desenvólvense de forma presencial no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Comezaron onte día 18 e continúan este xoves 19 e mailo 30 de setembro, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Ademais, cada participante nas xornadas debe completar 4 horas de traballo persoal non presencial. En total serán 16 horas de formación, homologadas pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Descarga aquí o PDF co programa das xornadas.

Ames, na vangarda da difusión da toponimia
A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, agradeceulle á Secretaria Xeral de Política Lingüística e á Real Academia Galega a colaboración nesta primeira edición das xornadas de Toponimia, así como a anterior concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, polo esforzo en sacar adiante os proxectos de normalización lingüística que se están a desenvolver na actualidade no Concello de Ames. “En particular a Isabel Vaquero quero agradecerlle a súa aposta decida por poñer en valor a riqueza toponímica como unha ferramenta indispensable no proceso de normalización lingüística. Con esta concepción parten estas xornadas que agardamos que sexan o xerme de proxectos colaborativos, que partindo do ámbito educativo impliquen a moitas máis persoas fóra deste ámbito. A toponimia é un tesouro colectivo excepcional, un dos símbolos máis importantes do noso patrimonio cultural inmaterial e da nosa identidade como galegos e galegas”.

O encargado de pechar o acto foi o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Sinalou que a riqueza dos nomes de lugar de Galicia é “impresionante” e que a nosa Comunidade é “un dos territorios europeos que reúne maior número de topónimos por metro cadrado. Esta riqueza debe ser preservada e revitalizada, non só porque os topónimos son como unha hucha da cultura que nos transmite información sobre a nosa historia, orografía ou concepción do mundo, senón tamén porque preservar os topónimos é preservar a lingua: palabras que lles oiamos de cativos aos avós e avoas e que fomos deixando de sentir consérvanse aínda para nomear unha veiga ou unha chousa. Coa realización destas xornadas o Concello de Ames está na vangarda da difusión da toponimia. Agardemos que se poidan facer moitas máis iniciativas coma esta”.

Contidos das xornadas
Nestas xornadas achegaranse nocións sobre os conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos…); divulgación da toponimia amesá; recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar; aplicacións didácticas da toponimia en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC, educación física, lingua...; utilidades da toponimia como ferramenta de normalización lingüística; e propostas para traballar coa toponimia en educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.

Alén da base teórica das diversas intervencións, as xornadas serán fundamentalmente prácticas. Nelas daranse a coñecer propostas para traballar coa toponimia desde diferentes áreas e niveis co obxectivo de que xurdan proxectos colaborativos que impliquen e estimulen a comunidade amesá no proceso de normalización lingüística. Para obter o certificado de asistencia cómpre participar, como mínimo, no 80% das horas totais do curso e presentar unha proposta de actuación.

Acto de apertura das xornadas de toponimia no ensino

Multimedia

  • Acto de apertura das xornadas de toponimia no ensino
  • Acto de apertura das xornadas de toponimia no ensino
  • Acto de apertura das xornadas de toponimia no ensino
  • Xornadas de toponimia no ensino
  • Xornadas de toponimia no ensino
  • Xornadas de toponimia no ensino