- Tematica
A Xunta de Goberno Local do último xoves de marzo aprobou a adxudicación do servizo dos Programas Municipais de Conciliación Lúdicos e a Escola de Verán do Concello de Ames á empresa Agora Aberta que xa se viña ocupando até de agora destes programas. O valor do contrato ascende a 308.207,42 euros inclúe o servizo de monitores e almorzos. Ademais, a Xunta de Goberno Local adxudicou o servizo de catering dos mesmos programas á empresa Villasenín por valor de 63.793,62 euros. A licitación faise por un período de dous anos, prorrogable a catro, e abrangue á Escola de Verán e os cinco programas de conciliación que desenvolve o Concello de Ames ao longo do ano.
Contribuír á conciliación da vida laboral e familiar das familias amesáns nos períodos nos que non se desenvolve a ensinanza oficial é o obxectivo básico da Escola de Verán e dos cinco programas de conciliación –Nadal Lúdico, Entroido Lúdico, Primavera Lúdica, Setembro Lúdico e Xuño Lúdico- que na actualidade mantén abertos o concello de Ames. Os programas están dirixidos ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil e de Primaria. Todos eles inclúen a oferta de servizo de Bos Días e Comedor, de xeito que as familias poden inscribir aos fillos e as fillas en horarios que lles permiten almorzar ou xantar a través do programa a comenencia das necesidades de cada familia.
O desenvolvemento dos programas concíbese como unha especie de escolas de tempo libre onde a rapazada aprende a través do xogo e da convivencia, incidindo en cuestións como a solidariedade, o compañeirismo, o traballo en equipo e a educación en valores. Faise tamén moito fincapé, á hora de preparar actividades e programación, no coñecemento do medio e da contorna. Serven ademais para que a rapazada que vive en distintas zonas do concello se coñeza entre si, pois os usuarios e usuarias adoitan proceder de distintas parroquias e colexios.
Coa contratación dos programas lúdicos e de conciliación, garántese a continuidade destas actividades durante os vindeiros anos, inicialmente para os exercicio 2021 e 2022, e se se executa a opción de prórroga para os anos 2023 e 2024.
Para concelleiro de Educación, David Santomil indica "esta nova adxudicación blinda a prestación dos servizos de conciliación Lúdicos e a Escola de Verán dos próximos catro anos". "Ames segue a ser o concello galego de referencia no ámbito dos programas de conciliación da vida laboral e familiar, o que permite que cada vez máis familias escollan Ames para vivir e traballar".
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames destina 186.000 euros al año a los planes de conciliación durante períodos no lectivos"
El Correo Gallego: "Contratan los concilia con la garantía de que van a continuar por dos años"