Solapas principales

A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras do Camiño de Suevos a Miso e de Troitosende a Capela da Madalena

Lunes, 26 de julio de 2021

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación mediante procedemento aberto simplificado abreviado da licitación das obras do Camiño de Suevos a Miso e de Troitosende a Capela da Madalena dentro do marco de plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. O  importe das obras é de 46.894,76 euros.

O Concello de Ames segue apostar pola mellora da rede viaria existente no medio rural. Coa licitación destas dúas obras redúndase na mellora dos camiños municipais ao mesmo tempo que se facilita a accesibilidade ás explotacións agrarias.

As actuacións previstas no presente proxecto van encamiñadas á mellora da drenaxe, da seguranza viaria e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización. E ao mesmo tempo revirte no mantemento dos camiños municipais: tanto do firme existente como das súas marxes ou o reforzo dos terrapléns.

As obras, que estarán executadas nun prazo de seis meses, ascenden a 46.894,76 euros.

O alcalde de Ames, Blas García, incide na "importancia de investir no rural con obras como estas nas que se melloran as comunicacións e ademais se facilita o acceso a parcelas agrícolas", e continua dicindo que "este Goberno leva demostrando con feitos a súa aposta polo rural amesán, e seguiremos a realizar investimentos para que os veciños e veciñas se sintan orgullosos/as de vivir nas parroquias de Ames"

Características das obras proxectadas
As obras do camiño de Suevos a Miso iniciaranse cunha limpeza de gabias e a mellora da capa de rodaxe. No primeiro treito aplicarase un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes ó 12% da superficie con pedra 32/63 mm e tratamento asfáltico semiprofundo; e no segundo treito reporase o paquete de firme con quince centímetros de zahorra de canteira máis trinta centímetros de pedraplen.

Contémplase así mesmo a execución de 75 m de formigón en pavimento para a formación de cuneta de seguridade, baixo a cal canalizarase cano de PEAD Ø315 mm mais a execución de 4 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais.
Tamén dous treitos de cuneta triangular de formigón (19,50 m e 25 m), a canalización de 6 m de cano de formigón de 40 cm de diámetro, e execución de 1 arqueta e 1 embocadura para o cano, así como a colocación de 28 m de barreira de seguridade máis os abatementos.

As obras do camiño de Troitosende a Capela da Madalena comezan, tamén, coa limpeza de gabias e a mellora da capa de rodaxe. Aplicarase no primeiro treito un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes ó 15% da superficie con pedra 32/63 mm e tratamento asfáltico semiprofundo; e no segundo treito reporase o paquete de firme con quince centímetros de zahorra de canteira mais trinta centímetros de pedraplen.

Finalmente colocarase unha sinal de Stop e dous treitos de barreira de seguridade mais abatementos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames mellorará as redes de comunicación do rural"

Revista AmesGO: "Aprobada a licitación das obras do Camiño de Suevos a Miso e de Troitosende á Capela da Madalena"

A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras do Camiño de Suevos a Miso

Multimedia

  • A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras do Camiño de Troitosende a Capela da Madalena