Solapas principales

A Xunta renovará a cuberta do CEIP de Barouta e eleva a case 16 millóns de euros o investimento nos centros educativos de Ames

Miércoles, 30 de abril de 2025

 A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licitou a obra de cambio de cuberta do CEIP de Barouta por máis de 230.000 euros, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do centro. A previsión, suxeita aos correspondentes trámites administrativos, é iniciar a obra a finais de xuño, tras a fin do curso académico, e rematala en setembro deste ano.

O alcalde de Ames, Blas García, explica “para obter resultados é necesario traballar todos a unha, sen esquecer o obxectivo final. Estamos ante a realización dunha obra de extraordinaria importancia para o CEIP de Barouta, en particular, e para o Concello de Ames a nivel xeral, pois un municipio coa cantidade de rapazada e co nivel de crecemento que temos, tanto a nivel xeral coma en saldo vexetativo, é primordial que conte cunhas infraestruturas educativas á altura das circunstancias”.

Por outra banda, a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, destaca que “dende o Concello de Ames levamos feito xestións dende o principio de mandato coa Consellería de Educación para facer esta obra posible. Cónstannos tamén os esforzos de plataformas como Sos Barouta e a implicación da dirección do centro, nomeadamente na persoa do director, Alonso Caxade. Hoxe é día de felicitarnos e agradecer á Xunta de Galicia e ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que atendese esta demanda histórica”.

Características da obra
A obra consistirá na substitución da cuberta existente por unha nova de paneis sándwich de 30 milímetros de espesor, incluíndo o illamento tanto da cubrición como do forxado. Serán, en total, 1.600 metros cadrados de cuberta inclinada de panel metálico e 133,5 metros cadrados de impermeabilización de cubertas planas. Ademais instalaranse novos canlóns e baixantes e conectaranse á rede existente.

A nova actuación eleva a preto de 16 millóns de euros o investimento da Xunta nas infraestruturas educativas de Ames, dos que o proxecto de maior envergadura é a construción dun novo colexio no Milladoiro, en fase de licitación por máis de 12 millóns de euros. Ademais, xa está rematada a ampliación do CEIP Agro do Muíño, que contou cun investimento de máis de 3,4 millóns de euros.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta a través do que a Xunta está a modernizar os centros educativos galegos, dando ademais resposta á necesidade de prazas de escolarización en determinadas zonas, como é o Concello de Ames, con obras de nova construción e ampliación.

A Xunta renovará a cuberta do CEIP de Barouta e eleva a case 16 millóns de euros o investimento nos centros educativos de Ames