Solapas principales

A Xuntanza de Empresarios de Ames e mailo Concello organizan o primeiro concurso de fotografía Enfoca Ames

Martes, 11 de mayo de 2021

A Xuntanza de Empresarios de Ames en colaboración co Concello de Ames organizan o primeiro concurso de fotografía Enfoca Ames. O obxectivo desta nova iniciativa é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por cada unha das tres categorías existentes. A participación no concurso é gratuíta. O prazo de entrega das imaxes vai do 13 ao 25 de maio de 2021.

Esta mañá o presidente da asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Jorge López, e mailo concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, presentaron o primeiro concurso de fotografía Enfoca Ames. Esta iniciativa está organizada por XEA en colaboración cos departamentos de Medio Ambiente e Turismo do Concello de Ames.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. Poden participar neste certame todas as persoas residentes en España, maiores de 18 anos, con independencia do seu lugar de orixe. As fotografías teñen que ser orixinais e inéditas, presentando só unha fotografía por categoría. A inscrición no concurso é gratuíta.

As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do Concello de Ames. Admítese unha fotografía por categoría. Existen tres categorías diferentes: paisaxe, macro e artística.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, anima á veciñanza a participar neste primeiro concurso de fotografía no que colaboran os departamentos de Medio Ambiente e Turismo. “Esta iniciativa permite que a veciñanza coñeza o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello a través da fotografía. Ademais, permite dinamizar o comercio local xa que se van a repartir en total 525 euros en premios, repartidos en 175 euros en cada unha das tres categorías, para gastar nos comercios asociados á XEA”.

Presentación das obras
A obra/as deberá ser enviada xunto coa ficha de inscrición ao correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. A Xuntanza de Empresarios de Ames resérvase o dereito a elaborar unha exposición fotográfica coas composicións que participen. Ademais, as persoas participantes darán o seu consentimento para que as composicións enviadas sexan expostas no Instagram Xuntanza Empresarios Ames e no Facebook Xuntanza de Empresarios de Ames co hashtag #enfoc@mes. O prazo de entrega das imaxes vai do 13 ao 25 de maio de 2021.

Premios
As bases recollen a concesión de tres premios en cada unha das tres categorías. O primeiro de 100 euros, o segundo de 50 euros e o terceiro de 25 euros. Os nove premios son cheques para gastar nos comercios asociados á XEA. O resultado do concurso será publicado o día 3 de xuño nas páxinas web de XEA e do Concello de Ames. As persoas agraciadas serán notificadas mediante chamada telefónica. O xurado estará composto por 3 persoas, unha aportada por XEA, outra aportada polo Concello de Ames e unha terceira que será profesional da fotografía.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Retratar Ames leva premio tamén para os comercios"

Presentación concurso

Multimedia

  • Presentación concurso
  • Enfoca Ames