Solapas principales

A XXI Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames reunirá a máis de 1.300 corredores

Viernes, 21 de octubre de 2022

Este domingo, 23 de outubro, celébrase a XXI Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. O evento deportivo, que se volve a organizar tras dous anos de paro por mor da situación epidemiolóxica, terá lugar na localidade da Bertamiráns e na súa contorna e conta cun circuíto de dez quilómetros que está homologado pola Real Federación Española de Atletismo. Este ano hai inscritas máis de 1.300 persoas: 665 nas categorías absoluta e sub-18 e 652 nas escolares. Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo da carreira pedestre.

A proba pertence ao VIII Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e forma parte do Campionato de Galicia das categorías sub20, sub23, absoluta e máster da tempada 2021-2022. Na súa organización colaboran tamén os clubs de atletismo de Ames.

Os participantes poden retirar os seus dorsais na secretaría da Organización, situada na Casa do Concello (praza do Concello número 2, Bertamiráns) o día anterior á carreira (o sábado 23 de outubro), das 17:00 ás 20:00 horas, ou na mesma xornada, o domingo 23, ata media hora antes do inicio da proba correspondente. Para non gardar cola recoméndase acudir ao Concello o día anterior no horario establecido.

Participantes e premios
Este ano anotáronse un total de 1.317 participantes. Deles, 652 pertencen ás categorías escolares femininas e masculinas (pitufos, prebenxamín, sub10, sub14 e sub16), mentres que entre os corredores da categoría absoluta e sub18 suman 665 persoas.

Serán galardoados cun trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina. Haberá tamén catro premios en metálico: 250 euros para o gañador, 200 para o subcampión, 100 para o terceiro clasificado e 50 para o cuarto. Na proba absoluta, ademais, tamén recibirán un trofeo os tres primeiros corredores empadroados no Concello de Ames que cheguen á meta. Pola súa banda, os máis pequenos serán premiados cunha medalla.

Como vén sendo habitual durante as últimas edicións, tamén se entregará un trofeo aos tres primeiros clubs da carreira absoluta, e premios en metálico aos catro primeiros (250 euros para o gañador, 175 para o segundo clasificado, 100 para o terceiro e 75 para o cuarto).

Horarios e distancias
A saída e a chegada de cada proba farase dende a rúa Alcalde Lorenzo, situada no núcleo central de Bertamiráns, de maneira que poida ser partícipe toda a veciñanza de Ames. Os corredores da categoría absoluta comezarán ás 10:30 horas, e deberán dar dúas voltas ao circuíto, completando un total de dez quilómetros. Pola súa banda, os participantes da proba sub18 darán unha única volta, facendo un recorrido de 5,25 quilómetros.

Posteriormente, ás 12:00 horas, está previsto que comecen as probas das categorías pitufo, integrada por crianzas nadas no ano 2018 e posteriores, que correrán 200 metros. Xa a partir das 12:10 horas comezarán a carreira os prebenxamíns, nados no 2015, 2016 e 2017, que recorrerán 350 metros.

Entre as 12:30 e as 12:40 competirán os rapaces e rapazas das probas sub10, sub12 (que farán 1.000 metros), e ás 13:00 os sub14 e sub16, que correrán 2.000 metros.

Cortes e prohibicións de tráfico
O día do evento, domingo 23 de outubro, quedará prohibido estacionar na rúa Alcalde Lorenzo desde as 00:00 horas ata as 15:00 horas. Ademais, haberá cortes de tráfico en diversas rúas e aldeas polas que transcorre a carreira de 08:00 horas a 15:00 horas. Os lugares afectados son a rúa Alcalde Lorenzo, A Condomiña (estrada DP-0205 ata rotonda do Agro do Muíño), Agro do Muíño, Sisalde, rúa Entrerríos, rúa Agrelo, rúa Xunqueira, A Condomiña e As Punxeiras. Recoméndase evitar esas vías e acceder a través da AG-46 ou a AC-300 (Os Ánxeles-Picaraña) cara a Padrón. Preme nesta ligazón para descargar dito aviso.

Cartaz da XXI Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames

Multimedia

  • Cartaz da XXI Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames
  • Aviso de cortes e prohibicións de tráfico