Solapas principales

Youtubeir@s organiza o encontro ‘Lista de reprodución ao vivo’ o vindeiro venres 28 de xuño

Martes, 18 de junio de 2019

O equipo do proxecto Youtubeir@s continúa co seu programa de encontros centrados no intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube cunha nova quedada en Santiago de Compostela. O evento ‘Lista de reprodución ao vivo’ desenvolverase o próximo venres, 28 de xuño, no edificio CEA da USC entre as 18.00 e as 20.00 horas, e xirará en torno ao intercambio de experiencias entre youtubeir@s e público. O número de prazas para participar nesta actividade é limitado, polo que os e as interesadas deberán inscribirse antes do 26 de xuño enviando un correo electrónico a formacion@youtubeiras.gal. Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos galegos, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua.

Youtubeir@s chega este ano á súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate, co que busca non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade youtubeira. Con este obxectivo, nos últimos meses desenvolvéronse varios obradoiros e charlas en diversos centros de secundaria, e programáronse dous encontros youtubeiros durante este mes de xuño.

O segundo destes obradoiros terá lugar o vindeiro venres, 28 de xuño, entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no Centro de Estudos Avanzados da USC, situado na Finca de Vista Alegre de Santiago de Compostela. Esta Lista de reprodución ao vivo consistirá nun encontro directo entre youtubeir@s e público, que emulará as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”.

Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos "vídeos vivos". Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. Nesta ocasión, o acto estará dinamizado por Xandobela, un grupo de profesionais da educación e da dinamización sociocultural. O público que desexe participar deberá inscribirse antes do 26 de xuño a través do correo formación@youtubeiras.gal.

Esta xornada é a última quedada organizada para este mes de xuño, despois de que o sábado 8 tivese lugar na Coruña o evento  Youtubeir@s en conexión, un espazo para reflexionar sobre temas como o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos, a cuestión lingüística na Rede, a perspectiva temática ou o eido de fomento de públicos. A actividade foi dinamizada por Ben Curiosa.

Premios Youtubeir@s

Os Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube en lingua galega. Os vídeos presentados deberán estar publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2019, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos, á que optarán os vídeos que mostren saberes e procesos de elaboración a través de titoriais; vídeo-opinarmos, baseados na exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese; vídeo-cantarmos, vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías; e canles.

Ademais destas catro categorías, haberá premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística. Por último, o certame contará cun premio do público que se entregará baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. Os vídeos premiados coñeceranse no mes de novembro, na gala dos Premios Youtubeir@s. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns.
 
Os e as interesadas en coñecer máis sobre o proxecto Youtubeir@s , sobre os recursos que ofrece ou sobre como participar no certame poden acceder á páxina oficial www.youtubeiras.gal/, na que atoparán o vídeo promocional, información sobre os premios e actividades, ferramentas, recursos, vídeos explicartivos e a ligazón na que poderán formalizar a inscrición.
 
Esta iniciativa está organizada polos concellos de A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, e polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua. Asemade, esta terceira edición de Youtubeir@s pretende fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que produce contido en Youtube.

Youtubeir@s organiza o encontro ‘Lista de reprodución ao vivo’ o vindeiro venres 28 de xuño

Multimedia

  • Youtubeir@s organiza o encontro ‘Lista de reprodución ao vivo’ o vindeiro venres 28 de xuño