Solapas principales

"Zocos e Trasnos” fará posible por noveno ano consecutivo que ningún neno ou nena de Ames quede sen agasallo de Nadal

Miércoles, 01 de enero de 2025

O Concello de Ames organizou por novena vez consecutiva a campaña “Zocos e Trasnos”, que busca que ningún neno ou nena de Ames quede sen agasallo nas datas de Nadal, independentemente da situación económica da súa familia. O programa chega ao noveno ano de vida cunha participación de 76 persoas no punto de recollida de Bertamiráns e 54 no Millladoiro,  o que fai un total de 130 participantes, máis seis que quedaron en reserva.

Uxía García, concelleira de Benestar Social explica que “Ames demostra día a día que é un concello solidario coa xente que menos ten”. García explica que “é emocionante ver como a poboación do concello se implica con aqueles veciños e veciñas que menos teñen para que os cativos e cativas poidan vivir a ilusión de recibir o agasallo que pediron o día de Reis”. A concelleira tamén lle agradeceu de forma especial a colaboración á empresa Tecalis, pois “leva xa varios anos fortemente implicada con este programa”.

O persoal da Oficina de Voluntariado de Ames foi o encargado de recoller as cartas de todos os/as zocos/as aos Reis Magos (nenos e nenas derivados polo departamento de Benestar Social municipal). Estas foron enviadas por correo electrónico, whatsapp ou en man a cada trasno e trasna, a través dun código de identificación que axuda a preservar o anonimato de todas as nenas e nenos.

O coordinador da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos, destaca a implicación da veciñanza amesá nesta iniciativa: “Aínda que a participación nos eventos solidarios é sempre moi ampla neste concello, esta é a campaña na que máis se volcan os veciños e veciñas de Ames, todas as persoas que participan, repiten”.

As bases desta iniciativa son dúas; por unha parte, son os chamados zocos/as. Son menores de entre 0 e 12 anos que pertencen a familias amesás que non están atravesando un bo momento a nivel económico (derivados dos Servizos sociais municipais) e, por outra banda, temos aos trasnos/as, os axudantes dos Reis Magos de Oriente e motor fundamental deste proxecto, que farán todo o posible para que ningún cativo de Ames quede sen agasallo neste Nadal.

A iniciativa de Zocos e Trasnos axudou a que máis de 150 nenos e nenas de Ames tiveran o seus agasallos no pasado ano 2023. Desde a súa implantación hai xa nove anos, esta campaña tivo moi boa acollida entre a veciñanza do concello, amosando nestas datas festivas a faciana máis solidaria dos amesáns e amesás. Nesta edición, ao igual que na pasada, a oferta de trasnos supera á demanda e 6 persoas quedaron en lista de espera no caso de que algún trasno por motivo de forza maior non poida cumprir ou se sume algún zoco de última hora.

Agasallos que non teñan carácter bélico nin sexista
Cada trasno escolle algo do solicitado na carta, que non pode superar os 30 euros, envolvelo, poñerlle o código que identifica o seu zoco e facelo chegar a eses Puntos Trasno. Cómpre salientar que os agasallos deben cumprir dúas premisas básicas: non ter carácter sexista nin bélico. Finalmente os agasallos serán entregados ás familias para que todos os/as zocos/as poidan desfrutar do seu agasallo no día de Reis.
Non se trata de ofrecer o que nos sobra ou o que xa non utilizamos senón de agasallar ao neno ou á nena con aquilo que eles elixen, o que supón un maior grao de equidade e igualdade.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Un total de 130 vecinos de Ames donan regalos a niños de familias desfavorecidas"

El Correo Gallego: "Ames tece unha rede solidaria coa súa campaña Zocos e trasnos"

Zocos e Trasnos