Hoxe sábado, 15 de xuño, comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abren ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Antes da apertura realizáronse traballos de acondicionamento e mellora nestas instalacións. Nos vasos das piscinas de Tapia e do Milladoiro realizáronse melloras de impermeabilización. As obras de Tapia tiveron un custo de 42.196,85 euros (IVE incluído), mentres que as obras da piscina do Milladoiro non tiveron custe porque houbo que realizalas pola deficiente execución das obras de mellora realizadas en 2023 en dita piscina.