Actualidad

Por ejemplo, 27-04-2025
Por ejemplo, 27-04-2025
Miércoles, 09 de abril de 2025
A unidade móbil de doazón de sangue estará os días 10 e 11 de abril en Bertamiráns

A unidade móbil de doazón de sangue estará este xoves 10 e venres 11 de abril, en Bertamiráns, na praza de Chavián (xunto á zona de carga e descarga da avenida da Maía). O horario de atención os dous días será de 15:30 a 21:00 horas. Na situación actual, a unidade traballa cun protocolo que garante a seguridade do persoal sanitario e das persoas doantes. Ademais, disponse dun teléfono gratuíto para consultar as dúbidas sobre a doazón, o número 900 100 828.

Martes, 08 de abril de 2025
Preséntase o slogan e faise balance do primeiro ano de funcionamento da EPEL Augas de Ames

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación do slogan que acompaña ao logotipo da empresa pública empresarial Augas de Ames. Aproveitando dita presentación o presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García, fixo unha valoración sobre sobre o primeiro ano de funcionamento da EPEL Augas de Ames. Destacou o investimento feito de preto de 340.000 euros en obras e mellora do funcionamento da EPEL. Tamén se marcou o obxectivo de levar a auga dende a ETAP de Lens ata O Milladoiro, dotar ao rural do servizo de abastecemento, e dixitalizar e mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga a través do plan PERTE. Ademais, vaise abrir unha nova oficina de Augas de Ames no Milladoiro.

Martes, 08 de abril de 2025
A EMMA organiza o venres 25 de abril o IV Encontro de Escolas Municipais de Música

A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) está organizando un novo encontro coas escolas de música de Muros e Caldas de Reis. A xuntanza terá lugar o venres 25 de abril, ás 19:00 horas, na praza de Chavián, en Bertamiráns. Trátase da cuarta edición deste encontro, que se vén celebrando dende o ano 2022 e que acadou gran éxito entre a veciñanza amesá. A EMMA está celebrando durante este curso o seu vinte aniversario.

Lunes, 07 de abril de 2025
Emma Pérez e Candela Caamaño gañan o concurso Quero Cantar 2025 co tema “Preto de ti”

O Teatro Colón da Coruña acolleu este domingo, 6 de abril, a final do concurso Quero Cantar 2025, organizado pola Deputación da Coruña. Na categoría xuvenil gañaron Emma Pérez e Candela Caamaño coa canción “Preto de ti”. As dúas son amesás e alumnas da Escola Municipal de Música de Ames. Nesta mesma categoría quedaron no segundo posto Interestelares, de Cangas, coa peza “Vai calor”, mentres que a terceira posición foi para Wildfire, de Vigo, coa peza “Ladroas”. Premendo nesta ligazón podes ver a actuación de Emma & Candela. O evento estivo presentado por Soledad Felloza e contou coa actuación de Daniela Montes, gañadora o ano pasado do certame na categoría xuvenil.

Lunes, 07 de abril de 2025
Nova sesión do programa Abril de Cine coa proxección do documental “Filmei paxaros voando”

Esta semana continúa a quinta edición do ciclo Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames e que ten a finalidade de achegar o cinema galego actual á veciñanza amesá. A segunda cita das tres sesións programadas no Abril de Cine deste ano terá lugar este xoves 10 de abril, ás 20.00 horas, no auditorio do Milladoiro, coa proxección do documental “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño González. Dito filme obtivo o premio de mellor documental nos Premios Mestre Mateo 2025 e unha mención especial no Festival L`Alternativa de Barcelona. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Lunes, 07 de abril de 2025
A asociación cultural Os Castros organiza un xantar-foliada o 3 de maio en Trasmonte

Desde a asociación cultural Os Castros convídase á veciñanza amesá que estea interesada, a participar no tradicional xantar – foliada que organizan todos os anos. Nesta ocasión, será o vindeiro sábado 3 de maio no local de Trasmonte. Haberá sesión vermú con cantina e prezos populares dende as 13.00 horas. Para participar nesta xornada haberá que mercar entrada ata o 30 de abril. O prezo das entradas é de 19 euros para menores de 11 anos, e de 37 euros para os adultos. A comida será ás 14.00 horas, e pola tarde dende as 17.00 horas haberá foliada.

Domingo, 06 de abril de 2025
Continúan os Encontros Literarios coa presentación este mércores de “Comida para gatos e outras delicatessen indixestas” de Luz Darriba

Neste mes de abril, no que se conmemora o Mes do Libro, continúan as sesións dos Encontros Literarios. Desta volta, o Pazo da Peregrina acollerá este mércores, 9 de abril, ás 20.00 horas, a presentación “Comida para gatos e outras delicatessen indixestas” de Luz Darriba. Ademais da autora da obra, estará presente durante a charla a escritora e xornalista Nazaret López. Como vén sendo habitual, a entrada será libre ata completar aforo.

Sábado, 05 de abril de 2025
Adxudícanse as obras de mellora da seguridade viaria en Covas por 121.609 euros

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar esta semana a adxudicación das obras de mellora da seguridade viaria en Covas. Ditos traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones Ovidio SL por un importe de 121.609,66 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ Adicional 2/2024, enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Deste xeito, con cargo á primeira fase do POS+ Adicional (proxectos xa incluídos no POS complementario) vanse executar catro obras: a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño; a senda dende A Ponte Maceira a Carballo, na parroquia de Trasmonte; a mellora da seguridade viaria en Covas; e a pavimentación de viarios en Biduído de Arriba.

Viernes, 04 de abril de 2025
Entrada da sala de estudo do Milladoiro

O Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas municipais, informa que dende hoxe xa se poden solicitar os códigos QR de accedo ás salas de estudo municipais. Pódese solicitar de xeito telemático cubrindo este formulario e enviando por correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal. Unha vez sexa recibido por parte do persoal do departamento de bibliotecas enviaranlle ao móbil do usuario/a o correspondente código QR co cal poderán acceder ás salas de estudo. Dito trámite tamén se pode facer de xeito presencial nas bibliotecas cubrindo o correspondente formulario.

Viernes, 04 de abril de 2025
A Aula CeMIT organiza novos cursos de formación para os meses de abril e maio

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames organiza novos cursos formativos para abril e maio. Deste xeito, ao longo destes dous meses haberá en total tres formacións dirixidas para adultos: “Sacalle partido ao teu teléfono móbil!” (para o que xa non quedan prazas), “Presentacións con LibreOffice Impress” e “Traballando na nube”. En canto aos cursos para menores, realizaranse dous, un deles será unha formación con Scrath que se desenvolverá en Semana Santa, para o que xa non quedan prazas dispoñibles. A outra das formacións para rapaces e rapazas será “Traballos de clase con LibreOffice”. A inscrición para calquera dos cursos pode facerse chamando ao 682 373 753, escribindo un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal ou de forma presencial nas propias instalacións da aula CeMIT en Bertamiráns.