Actualidad

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este xoves, 26 de decembro, ás 18.00 horas, o espectáculo musical da “Feira das Linguas”, que está dirixido a un público familiar. Trátase dunha obra de teatro musical para que as nenas e os nenos se acheguen á historia da lingua desde os ritmos máis actuais, co obxectivo de promover o galego entre as novas xeracións. As entradas para esta actividade, que se enmarca dentro do programa Apego, poden mercarse na billeteira electrónica do Concello de Ames.

O obradoiro de lingua e cultura, “En Galego co teu acento”, pon fin a esta edición despois de desenvolverse durante o mes de outubro en Bertamiráns e durante o mes de novembro no Milladoiro. A través desta actividade, dirixida a persoas de fóra de Galicia, pretendeuse que os/as participantes adquirisen nocións básicas de lingua e cultura galegas para contribuír á súa integración.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este xoves, 19 de decembro, a gala de entrega dos premios da novena edición do concurso de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!. A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o concelleiro de Educación, David Santomil, foron os encargados de entregar os premios aos gañadores durante a gala, conducida por Isabel Martínez-Risco e María Ángeles Bañobre, de Ibuprofeno Teatro. Os grupos Sacarina, Sardiñas Armadas e Raíces de Amizade alzáronse como os gañadores desta edición.

A gala de entrega de premios do IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua” levarase a cabo este xoves, 19 de decembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Despois da emisión das pezas dos 21 grupos participantes en Ames Radio, e de que a audiencia decidira que grupo obterá o premio do público, a través dos seus votos, nesta gala daranse a coñecer aos gañadores do concurso, á que asistirá todo o alumnado participante. Ademais do premio do público, haberá premio para o mellor guión orixinal e para a mellor interpretación.

Este sábado, 14 de decembro, realizarase no campo da festa de Biduído o festival SolporSon de Ames, no que dende as 17.00 horas haberá batalla de galos (regueifa moderna) e unha exhibición de grafite. O festival estará presentado pola xornalista, Paula Señarís. Dende as 19.30 horas actuarán os grupos Náiade, Triska, Monoulious Dop, De Vacas, Biribirlocke e Sondarúa. Tres destas bandas musicais: Náiade, Triska e Biribirlocke son grupos locais de Ames. Náiade e Triska, que ensaian na Factoría, debutan actuando nun festival. Trátase dunha nova iniciativa posta en marcha dende a Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística, que xorde das xuntanzas realizadas cos mozos e mozas dentro da Comisión de orzamentos participativos. Haberá actividades de cultura urbana e moita música, así como unha carpa e un canón de calor.

O Picadiscos MariFaltri chega ao Concello de Ames o próximo venres 13 de decembro. Estará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a partir das 18.00 horas, onde pinchará música infantil para os máis pequenos da casa. Para asistir á actividade é necesario inscribirse enviando un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal .

O pasado venres, 29 de novembro, realizouse a entrega de premios do proxecto Youtubeir@s no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Patricia de Lorenzo, o DJ Manu TF e a graffiteira Iria Fafián animaron a gala dos Premios Youtubeir@s, na que houbo 27 finalistas. Nesta terceira edición concorreron 252 vídeos e canles participantes. Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

Este venres, 29 de novembro, terá lugar a entrega de premios do proxecto Youtubeir@s no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Patricia de Lorenzo, o DJ Manu TF e a graffiteira Iria Fafián animarán a gala dos Premios Youtubeir@s, aos que aspiran un total de 27 finalistas entre os 252 vídeos e canles participantes que concorreron nesta terceira edición. As entradas son gratuítas e pódense retirar no despacho de billetes do Teatro Principal no horario de 18.00 a 20.00h. Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

O xurado do Premio Lingua e Empresa decidiu por unanimidade outorgar o premio ex aequo e repartir o importe económico a partes iguais entre tres empresas: Petiscos Gastrobar de Bertamiráns, Cenlitrosmetrocadrado do Milladoiro e Escola de Estudos Musicais Allegro tamén do Milladoiro.

O Día Universal do Neno, que se celebra todos os anos o 20 de novembro, é un día dedicado a todos os nenos e nenas do mundo. Así, hoxe é un día para que todo o mundo coñeza os dereitos dos nenos e para lembrar a importancia de traballar para conseguir o benestar de todos os nenos e nenas do mundo, comezando polos do noso concello. Con motivo de dita conmemoración o Servizo de Normalización Lingüística de Ames quere festexalo animando ás familias a non privar ás crianzas do dereito a adquirir a nosa lingua. Así, hoxe procedese á emisión da historia de Ánxela e Ben, unha das primeiras familias que se sumou ao programa Apego de Ames e que hoxe viven en Dinamarca.
- ‹ anterior
- 32 de 36
- siguiente ›