Actualidade

Ames pechará a súa programación de Entroido de 2025 este venres, día 7, coa celebración do Entroido Amessan. Deste xeito, ponse fin a unhas xornadas que encheron as rúas do concello de música, baile, disfraces e moita diversión. O pasado domingo, día 2, Milladoiro acolleu o desfile e concurso de disfraces, no que participaron máis de 200 persoas entre todas as categorías. Por outra banda, este luns, día 3, celebrouse en Bertamiráns o concurso de disfraces infantil, no que participaron máis dun cento de rapaces e rapazas.

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa programación do Ames Cultural 2025. Desta volta, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20.30 horas, acollerá a representación da peza “Un Deus salvaxe” da compañía Talía Teatro, unha comedia satírica da sociedade actual. A ocupación ata o momento é do 72% das butacas dispoñibles. Aínda se poden adquirir entradas na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O pasado 22 de febreiro celebrouse a 2º Xornada da Liga Nacional de Karate, que tivo lugar en Albacete e reuniu a máis de 1.200 deportistas procedentes de diferentes cidades de España. A Escola de Karate Dokkodo estivo representada por Xián e Tiago Blanco realizaron unha gran competición na que deixaron unhas sensacións moi positivas de cara o futuro.

O pavillón de Bertamiráns acolleu neste martes de Entroido unha nova edición do cocido dos maiores de Ames, ao que asistiron aproximadamente 700 veciños e veciñas do noso concello. Deste xeito, os maiores de 65 anos de Ames puideron gozar dunha gran xornada festiva, con música a cargo do dúo Plan B e na que degustaron o tradicional cocido galego. Tras o xantar, realizouse a entrega de premios aos mellores disfraces e tamén un sorteo de varias cestas con produtos de Entroido entre todos os asistentes. Gran parte da Corporación municipal asistiu á festa.

O vindeiro xoves 6 de marzo, o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, volverá a acoller unha nova xornada dos Encontros Literarios, desta vez coa presentación de “Ángeles de Santiago: Génesis” de Alba Sánchez. Ademais da autora desta obra de ficción, estará presente durante a charla Mónica de Soto Alberto, profesora de filosofía. O encontro terá lugar o vindeiro xoves 6 de marzo, ás 20.00 horas e, como vén sendo habitual, a entrada será libre ata completar aforo.

Esta pasada fin de semana celebrouse en Valencia o Campionato de España de Atletismo sub-18, no que Ames estivo representado pola atleta María Estévez, atleta da Sociedade Gimnástica de Pontevedra. A amesá, que conseguiu ser subcampioa galega nos 800 metros acadou o quinto posto na final de 1.500 metros.

A Escola Municipal de Música de Ames continúa coa súa programación de actividades enmarcadas dentro da celebración do 20º aniversario da escola. Desta volta, coa realización dun obradoiro de batucada que se desenvolverá ao longo dos días 15, 22 e 29 de marzo, en horario de 11.00 a 13.00 horas. Hai 25 prazas dispoñibles e terá preferencia para apuntarse o alumnado da Escola de Música maior de 8 anos. Con todo, no caso de quedar prazas libres, poderá participar calquera persoa interesada. Para inscribirse é preciso enviar a ficha de inscrición cuberta, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

O Concello de Ames e a Fundación Down Compostela asinaron esta mañá, no Salón de Plenos do Concello, un convenio de colaboración entre ambas entidades. Deste xeito, membros de Down Compostela participarán este venres na V edición do InnovAmes como actividade complementaria á súa formación no Programa de Emprego con Apoio e Inclusión Social enmarcado no S.E.P.A.P. (Servizo de Promoción da Autonomía Social).

O Concello de Ames abre ata o 31 de marzo o prazo para que as persoas usuarias dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o vindeiro curso 2025-2026, na Rede de Comedores Escolares e nos programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas. As persoas interesadas poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través da páxina web de Conciliames, presentando a documentación asinada dixitalmente na Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poden entregala en papel nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames. Ademais, as persoas sen Internet poden solicitar asistencia presencial chamando ao 981 891 476.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, vén de aprobar a convocatoria de subvencións en especies para as festas populares celebradas no 2025 por asociación e comisións de festas municipais. Con estas axudas búscase fomentar a celebración das Festas e colaborar na súa organización, facendo mais doada o labor que está a desenvolver o tecido asociativo e as comisións de festas do concello no eido da dinamización sociocultural. A contía total desta liña de axudas ascende a 24.000 euros. Premendo nesta ligazón pódense obter as bases da convocatoria.
- 1 de 1364
- seguinte ›