Actualidad
[10-09-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e maila subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, mantiveron esta mañá unha xuntanza para analizar unha posible solución ao tráfico de vehículos pesados no núcleo urbano de Milladoiro. Neste encontro tamén participou o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García. Pilar López-Rioboo destaca a necesidade de desbloquear a situación e avanzar nun posible convenio entre Estradas, Xunta e DXT para buscar alternativas. A Subdelegación do Goberno convocará a unha reunión con Demarcación de Estradas de Galicia, Xunta, Dirección Xeral de Tráfico e os concellos de Ames e Teo para finais de mes. Polo núcleo urbano de Milladoiro, que conta con 12.000 residentes, circulan cada día uns 30.000 vehículos.
[08-09-2018] O Concello de Ames organiza para este luns e martes dous actos abertos á veciñanza para presentar o Regulamento de Participación Cidadá. O luns 10 de setembro será na Casa da Cultura doe Bertamiráns, mentres o martes 11 desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro. En ambas localidades dito acto de presentación realizarase a partir das 20.00 horas. Trátase de dunha normativa necesaria que garante os dereitos da veciñanza para súa participación e acceso á información. Dito regulamento lexitima as achegas dos veciños e veciñas nas sesións plenarias, así como a presentación de queixas suxestións e reclamacións.
[08-09-2018] A próxima semana abre o segundo prazo de inscrición nas Escolas Culturais para o curso 2018/2019. A período de inscrición permanecerá aberta do 10 ao 14 de setembro, para apuntarse naquelas actividades e grupos nos que quedan prazas libres. O proceso de inscrición pódese realizar de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro e no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en horario de 9.00 a 14.00 horas. As clases comezarán a semana do luns 1 de outubro e rematarán o 31 de maio de 2019. As persoas interesadas poderán solicitar máis información chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo de correo electrónico cultura@concellodeames.gal. A túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo e consultar as prazas libres de cada unha das actividades ofertadas.
[08-09-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, está preparando unha ampla oferta de actividades para a celebración do Día do Deporte na área deportiva de Milladoiro. O domingo 16 de setembro, de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 21.00 horas, os veciños e veciñas de todas as idades poderán practicar 21 actividades deportivas repartidas en 10 espazos deportivos diferentes. Tamén haberá inchables e ao final do día realizarase un sorteo de agasallos.
[07-09-2018] Este xoves, 6 de setembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e o SEAGA, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Outros dos temas que se aprobou por unanimidade foi a adhesión ao Protocolo Xeral de Actuación entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP, para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia, mediante a posta en marcha da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”. Tamén se aprobou por unanimidade a elección do xuíz de paz substituto do Concello de Ames e unha moción presentada por Ames Novo sobre os comedores escolares municipais.
[07-09-2018] O polideportivo de Covas acolle este sábado, 8 de setembro, a partir das 20.00 horas, a décimo primeira edición da Festa da Orella, que organiza a Asociación veciñal desta parroquia. Ao evento, máis coñecido como a festa do socio, están invitados todos os socios/as da Asociación de veciños de Covas e todos aqueles veciños/as que queiran sumarase. Os tíckets de entrada, que custan 7 euros, poden ser mercados o propio día da festa. Tamén se pode chamar ao número de teléfono 618 374 344 para confirmar asistencia.
[07-09-2018] Os regatistas da Solitaire Urgo Le Figaro exerceron de peregrinos en Santiago, visitando a capital de Galicia e tendo por escenario da foto oficial desta segunda etapa, a Catedral compostelá. Os regatistas de Le Figaro fixeron de peregrinos en Santiago dende a Ría de Muros-Noia. Gran expectación este sábado para a gran saída da terceira etapa ata Saint Gilles Croix de Vie. A concelleira de Turismo do Concello de Ames, Isabel González, asistiu a dito acto de promoción que se celebrou esta mañá, ás 12.30 horas, na praza do Obradoiro.
[06-09-2018] Este xoves, 6 de setembro, inícianse as tardes temáticas postas en marcha polo Centro de Información da Muller (CIM) co obradoiro “Técnicas de Relaxación: respiración e ioga”, que se realizará na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 17.00 a 19.00 horas. Esta iniciativa encádrase dentro dun programa organizado pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Ames que, ao longo de setembro, tenta ofrecer ás mulleres amesás ferramentas para o seu empoderamento e para a prevención e o tratamento integral das violencias machistas, a través da intervención terapéutica e de diferentes accións psicoeducativas. Na a actualidade hai 18 persoas inscritas neste primeiro obradoiro, As mulleres que queiran participar aínda poden inscribirse.
[06-09-2018] Dende o pasado 1 de decembro de 2017 estase desenvolvendo a décima edición do programa integrado para o emprego “InserAmes Brión”. Nesta ocasión aténdese a 85 participantes dos concellos de Ames e Brión, desempregados e menores de 30 anos. Transcorridos xa 9 meses dende o inicio do programa, estase planificando as actividades e cursos que se van a impartir durante os meses de setembro, outubro e novembro. Ata o 30 de novembro deste ano, data na finaliza este programa, continuarase traballando cos participantes no seu itinerario personalizado de emprego. Actualmente atópanse traballando 38 participantes, o que supón un 44,7% do total. Máis ao longo do programa xa tiveron algún contrato 46 participantes, é dicir, o 55% dos mesmos.
[06-09-2018] O Concello de Ames participa, por terceiro ano consecutivo, na campaña “En negro contra as violencias”, que busca poñer na axenda pública, con contundencia e para sempre, a loita para rematar con todos os tipos de violencia contra as mulleres en vésperas do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Así, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, participou este mércores, na primeira xuntanza preparatoria desta nova edición da campaña, en Santiago de Compostela.
- ‹ anterior
- 626 de 1381
- siguiente ›