Solapas principales

Comeza unha semana repleta de maxia no Concello de Ames

Lunes, 21 de octubre de 2019

A programación do décimo cuarto Festival de Maxia de Ames arranca hoxe nos centros de ensino do concello, e seguirá desenvolvéndose durante toda a semana con actividades dirixidas ao alumado de infantil, primaria e secundaria. Ademais, este festival organizado polo Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, contará durante a fin de semana con numerosos obradoiros, espectáculos de maxia e varios pases da Gala Internacional de Maxia.

Hoxe arranca no centro de ensino CEIP A Maía unha semana máxica para Ames. En varias sesións repartidas por cursos académicos, os alumnos deste centro desfrutaron dos espectáculos de Joshua Kenneth e O Mago Paco. Ambos magos visitarán durante esta semana o IES de Ames, en Bertamiráns; o EEI Milladoiro; a escola unitaria de Tarroeira; a escola unitaria de Covas; o CEIP de Barouta; o Colexio Alca; o CEIP Agro do Muíño; o CEP de Ventín e o IES O Milladoiro.

Estes actos, dirixidos a máis de 3.096 alumnos, compleméntase coa programación da fin de semana, que inclúe máis espectáculos máxicos, obradoiros e unha Gala Internacional de Maxia.

Así, o venres 25 de outubro a Casa do cultura do Milladoiro acollerá ás 18.00 horas “Momentos Máxicos co Mago Rafa”. Unha actividade dirixida a un público familiar, con nenos de 6 anos en adiante. Para este espectáculo aínda quedan dispoñibles arredor de 40 entradas na billeteira electrónica.

Proseguiranlle, o sábado 26 e o domingo 27, dous obradoiros máxicos. O primeiro deles, será realizado por Joshua Kenneth na Casa da Cultura de Bertamiráns en horario de 11.00 a 12.00 horas. Mentres que o obradoiro do domingo, realizado polo Mago Paco, será no mesmo horario pero na Casa da Cultura do Milladoiro. O número de prazas por día é de 25, polo que é necesaria á inscrición no número de teléfono 981 535 940, dende o día 21 ata o 25 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 22.00 horas.

Gala Internacional de Maxia
O prato forte da fin de semana será a Gala Internacional de Maxia. Como novidade, este ano haberá catro pases para que ninguén quede sen poder asistir como en ocasións pasadas. Así, o sábado 26 haberá dúas sesións, unha ás 17.30 horas e outra ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Mentres que o domingo 27 desenvolveranse outras dúas sesións no mesmo horario que o sábado pero desta vez na Casa da Cultura do Milladoiro.

Nesta décimo cuarta edición participarán na Gala Máxica as magas Magica Gilly e Gaia Elisa Rossi e os magos Dani Polo e Xulio Merino. Ademais estará presentada por Pepín Banzo.

En canto a cada un dos espectáculos da gala, o da famosa maga Gaia Elisa Rossi é un dos máis sorprendentes da gala, realizando unha crítica ós estereotipos da sociedade a través da maxia. Outro prato forte é Xulio Merino, que realizará grandes trucos de maxia con esponxas, ou Magica Gilly, cun espectáculo máxico “sen barreiras”. Con respecto a Dani Polo,  actuará cun número novo, con maxia de gran formato gracias a espectáculos de pirotecnia e iluminación.

Cómpre destacar o éxito que ten todos os anos esta Gala, para a que xa se encontran esgotadas a maioría das entradas de venta anticipada. Tan só quedan algunhas na sesión do domingo 28 ás 20.00 horas. Aínda así, existe un 10% de entradas reservadas para comprar na billeteira de maneira presencial, para todos aqueles que non queren quedar sen asistir ao internacional espectáculo de maxia.

Comeza unha semana repleta de maxia no Concello de Ames

Multimedia

  • O Mago Paco no CEIP A Maía
  • Joshua Kenneth no CEIP A Maía
  • Joshua Kenneth no CEIP A Maía